Diego Calvo destaca a importancia do fútbol base como práctica deportiva entre a rapazada

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu hoxe ao encontro entre os equipos cadetes e xuvenís dos clubs Galicia Caranza de Ferrol e Imperátor da Coruña

Ferrol, 24 de setembro de 2022  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe aos partidos de fútbol entre os equipos cadetes e xuvenís dos clubs Galicia Caranza, de Ferrol, e Imperátor, da Coruña. Antes do encontro, Diego Calvo, coñeceu as instalacións do club ferrolá da man do seu presidente, Enrique Soto.

Diego Calvo destacou a importancia do fútbol base en Galicia, como demostran as longas traxectorias dos dous clubs protagonistas. Nesta liña, o vicepresidente incidiu tamén na súa relevancia tanto como práctica deportiva entre a rapazada como polo seu aspecto formativo para a práctica profesional.

Cómpre sinalar que a Xunta apoia o deporte base con iniciativas como o programa Xogade, que abrangue toda a oferta deportiva en idade escolar promovida polo Goberno galego e cuxa nova convocatoria se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia.

 A maiores, as federacións e clubs contan coas axudas á dotación de equipamento e de apoio á actividade, que ascenden este ano a 2,7 millóns de euros. No caso do Club Galicia Caranza, a Xunta achegou nos últimos anos contías que suman máis de 40.000 euros.

Imaxes relacionadas