O conselleiro de Educación visitou o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago onde fixo balance dos datos de matriculación de FP neste curso académico

A FP galega acada un novo éxito con 60.883 alumnos, o máximo histórico

Son 2.060 estudantes máis que o curso pasado e un 75% máis que en 2009
 

A FP Dual lidera o incremento cun 24% máis, seguido dos másteres, cun 8,4% máis
 

As familias profesionais que máis medran son Edificación e Obra civil, Actividades Físicas e Deportivas, Madeira, moble e cortiza, Téxtil, confección e pel e Comercio e Márketing
 

“Conseguimos que a FP se convertese xa na primeira opción académica para moitos galegos e galegas”, expresa o titular de Educación
 

Recorda a aposta por reforzar estas ensinanzas incrementando o número de prazas este curso e dotando a profesorado e alumnado dos recursos necesarios
 

Sitúa ao Politécnico de Santiago como exemplo da folla de ruta da FP galega no marco da Estratexia Galega de FP 2030, dotada con 900 M€
 

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, onde fixo balance da matrícula nestas ensinanzas que este ano ascende a 60.883 alumnos, máximo histórico. Son 2.000 máis que o curso anterior e un 75% mais que no 2009.

 

“Constatamos que se hai unha modalidade educativa apegada á realidade laboral esa é, sen dúbida, a Formación Profesional”, salientou o titular de Educación en referencia a que o crecemento este curso está liderado pola FP Dual, que medra un 24,3%, seguido polos másteres, que estrean unha decena de titulacións e teñen un incremento de matriculados do 8,4%. O alumnado de grao superior, pola súa banda, medra un 4,6%, o de grao medio un 2,4% e o grao básico un 0,6%.

 

En canto ás familias profesionais, destacan as subas das de Edificación e Obra Civil e Actividades Físicas e Deportivas, que teñen un 14,1% e un 13,3% máis de alumnado, seguidas das de Madeira, moble e cortiza (+10%), Téxtil, confección e pel (+8,8%) ou Comercio e Márketing (+8,3%).

 
 
 

Primeira opción de futuro

 “Conseguimos que a FP se convertese xa a primeira opción académica para moitos galegos e galegas”, expresou o titular de cultura de Galicia. Neste sentido, aludiu ao “salto de calidade” da última década nestas ensinanzas sustentado no profesorado e nos centros, pero tamén na confianza, o prestixio e a utilidade por parte dos estudantes e das empresas. Subliñou, entre outros aspectos, o incremento nas prazas para este curso, as taxas de inserción laboral por riba do 85% de media e de case o 100% en FP Dual, ou a crecente colaboración co tecido empresarial, con máis de 800 empresas implicadas coa FP Dual neste curso.

 

A día de hoxe hai máis de 200 centros que imparten Formación Profesional en Galicia, boa parte deles -un total de 78- no rural. Ademais, destacou a importancia dos 24 Centros Integrados de Formación Profesional como o Politécnico de Santiago que hoxe visitou e ao que situou como exemplo da folla de ruta da FP galega que, no marco da Estratexia Galega de FP 2030, busca mellorar e personalizar a formación e reducir a fenda entre o que a educación ofrece e o mercado laboral demanda.

 

Esta estratexia, dotada con 900M€, conta cunha serie de medidas específicas enfocadas a unha maior calidade con máis ciclos plurilingües e intercambios docentes e aposta pola innovación e dixitalización.

 

Máis innovación

Román Rodríguez referiuse, ademais, ás posibilidades do novo Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, estreado esta semana como o principal espazo de referencia do norte de España nestas ensinanzas.

 

Un centro que nace co obxectivo, expresou, de ofrecer “unha formación máis práctica, máis flexible e con máis participación das empresas da man da innovación, converténdose no primeiro centro de Galicia dedicado á innovación aplicada e un dos únicos en toda España”.

 

Imaxes relacionadas