A execución do firme na autovía Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, fará necesario habilitar cortes de tráfico a partir do luns

Unha vez finalizados os traballos de movemento de terras, estruturas e drenaxe, comezan as últimas obras da 1ª fase desta autovía, cuxo remate se prevé en outono

Para minimizar as afeccións á circulación, desde o luns cortarase o tramo entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte para poder estender a capa de rodaxe

Desde o 10 de outubro ampliarase a zona do corte ata o enlace Sarria sur para finalizar a extensión do firme, que proseguirá nos enlaces centro e norte

A partir do 27 de outubro desviarase o tráfico sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, acometendo firme, sinalización e remates

A Xunta está a investir 25 M€ nesta 1ª fase de conversión en autovía e está a avanzar na redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o desdobramento ata Lugo

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022 A execución do firme nas obras da 1ª fase da autovía Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, fará necesario habilitar cortes de tráfico a partir do luns.

A Xunta, unha vez finalizados os traballos de movemento de terras, estruturas e drenaxe, comeza agora a avanzar na capa de rodaxe e na sinalización para rematar en outono esta primeira fase das obras da autovía.

Os traballos afectarán á calzada que se desdobra e á calzada actual do corredor. Polo tanto, co fin de minimizar as molestias aos usuarios, as obras executaranse por fases, optimizando os cortes de tráfico, tanto no que a tempo se refire, como nas zonas afectadas.

De xeito máis detallado, e sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen, nunha primeira fase, este mesmo luns día 26, procederase ao corte do tráfico no tramo comprendido entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte. De forma inmediata, comezarán os traballos de rehabilitación do firme existente, así como a eliminación de resaltes de pintura e captafaros.

O mércores 28 de setembro continuarán os traballos co estendido da capa de rodaxe sobre o firme actual. Durante esta fase, e de xeito puntual, realizaranse intervencións na calzada entre os enlaces 22 e 24, mantendo o tráfico alternativo en todo momento con sinalización provisional de obra.

Nunha segunda fase, a partir do 10 de outubro, ampliarase a zona sen tráfico ata o enlace Sarria sur para finalizar a nova capa de rodaxe sobre o corredor existente, que proseguirá nos enlaces centro e norte.

O luns 17 prevese comezar a disposición de sinalización horizontal e o día 26 abrirase ao tráfico a autovía en sentido Lugo-Monforte.

Nunha terceira fase, o 27 de outubro, desviarase o tráfico sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, quedando como única afección o desvío en sentido Lugo entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.

Neste período acometerase a capa de rodaxe na calzada de desdobramento. Tamén se levará a cabo a disposición de sinalización horizontal e acabados.

A Xunta está a destinar un orzamento de 25 M€ nesta intervención nos 11,5 km que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro, o treito que rexistra maior intensidade de tráfico.

As obras supoñen a adaptación dos tres enlaces do treito, A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así como a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.

2ª fase da autovía

Paralelamente, o Goberno galego segue avanzando na 2ª fase da autovía, tras aadxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.

Esta segunda fase da autovía abrangue 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.

Este traballo, adxudicado por case 270.000 €, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.

Cómpre lembrar que o Executivo autonómico investiu máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.