A conselleira do Mar participou na presentación dunha nova campaña de promoción do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia

Rosa Quintana destaca o gran escaparate que supoñen as prazas de abastos para achegar a calidade dos produtos das rías galegas aos consumidores

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia impulsa unha campaña de promoción nos mercados galegos co obxectivo de darlle difusión á marca entre os consumidores mediante a degustación do produto en fresco nos propios puntos de venda

A Xunta apoia con preto de 150.000 euros a esta entidade para que impulse distintas accións de difusión das propiedades deste alimento, avalado por un proceso rigoroso de control que certifica a súa calidade

Vigo, 23 de setembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o gran escaparate que supoñen as prazas de abastos para promocionar a calidade, o sabor e as garantías dos produtos da rías galegas. Así o expuxo no mercado de Teis de Vigo durante a presentación da campaña organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia co obxectivo de darlle difusión á marca entre os consumidores e na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Esta iniciativa busca promocionar o consumo deste alimento en fresco no propio punto de venda dos mercados galegos, xa que o consumidor conecta coa marca ao probar o produto. Unha boa forma, apuntou Rosa Quintana, de captar novos clientes e afianzar os xa existentes a un recurso único e dunha calidade superior avalada por rigorosos controis.

Trátase dun alimento característico da dieta atlántica que o pasado ano acadou os 0,55 euros o quilo de prezo medio, unha cotización que é a máis alta da serie histórica. De feito, ese bo prezo medio favoreceu que a facturación do sector produtor de mexillón acadase o segundo mellor rexistro desde o ano 2000 e tamén un dos mellores en canto a produción, con máis 250 toneladas comercializadas.

A este respecto, a conselleira do Mar avogou por seguir facendo gala deste molusco que, grazas á DOP está presente tanto no mercado nacional como no internacional a través de máis de 100 marcas comerciais autorizadas. Por iso, apuntou a importancia do selo Mexillón de Galicia como distintivo de exclusividade e último elo dun proceso rigoroso de control que certifica as calidades nutritivas do produto sendo sinónimo de fidelidade para o consumidor, ao mesmo tempo que supón un aval da autenticidade da orixe 100% das rías galegas.

A iniciativa presentada hoxe en Vigo, que terá continuidade ao longo das próximas semanas nos mercados doutras cidades como A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Santiago, enmárcase no convenio mediante o cal a Consellería do Mar apoia este ano con 149.000 euros ao Consello Regulador co obxectivo de promocionar a DOP Mexillón de Galicia e impulsar o seu coñecemento.

Imaxes relacionadas