A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca

A Oficina Técnica da Seca eleva á situación de alerta por escaseza os sistemas de Zamáns e Baíña que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e unha parte de Vigo

Tamén se amplía a prealerta por escaseza de auga ao sistema do río Verdugo, ría de Vigo e de Baiona, e ao sistema da costa de Pontevedra

Mantense o nivel de prealerta por escaseza nos sistemas do río Lérez e ría de Pontevedra; no río Tambre e ría de Muros e Noia; na bacía do río Grande; na conca do río Anllóns; e no río Mero, Arteixo e ría da Coruña

Toda a demarcación de Galicia-Costa mantén a situación de seca prolongada, estando os caudais circulantes un 30% por debaixo da media dos últimos dez anos, aínda que 2 puntos por enriba con respecto a principios do mes de setembro

A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa sitúase no 61,51%, un 13% inferior á ocupación do mesmo período do ano 2021

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022 A Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe adoptou a decisión de aplicar nos sistemas de Zamáns e Baíña, que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e a unha parte do concello de Vigo, as medidas equivalentes á situación de alerta por escaseza de auga.

Así mesmo, tamén se amplía a prealerta por escaseza de auga ao sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e de Baiona; e ao sistema da Costa de Pontevedra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participan tamén Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, e que fixo seguimento da evolución da situación de seca prolongada na que atopa o conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Atendendo á evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas bacías da demarcación, os integrantes da Oficina Técnica da Seca constataron a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo desde principios de ano.

Na xuntanza constatouse que os caudais circulantes continúan en valores inferiores habituais para esta época do ano, un 30% por debaixo da media dos últimos dez anos, observándose un pico moi puntual debido ás choivas rexistradas entre o 12 e o 15 de setembro. Porén, rexístrase unha pequena mellora en relación á última valoración de principios de setembro, onde os caudais estaban un 32% por debaixo da media dos últimos dez anos.

No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa sitúase, a data 19 de setembro, no 61,58%, un 13% inferior á ocupación do promedio histórico e un 17% inferior aos valores de 2021.

En canto á meteoroloxía, tras un mes de agosto seco e extremadamente cálido, a chuvia rexistrada na primeira quincena de setembro para o conxunto de Galicia foi un 30% inferior á media climática de referencia.

Non obstante é na demarcación Galicia-Costa onde máis se concentraron as choivas durante o que vai de mes, o que permitiu desacelerar nalgunhas zonas o empeoramento da situación.

Prealerta por escaseza

No marco da reunión de hoxe analizouse polo miúdo a situación en cada un dos sistemas de explotación, tendo en conta os caudais medios diarios circulantes do 15 de setembro.

Tendo en conta os citados indicadores, os subsistemas de Zamáns e Baíña pasan a presentar unha situación equivalente á de alerta por escaseza, polo que desde a Oficina Técnica da Seca se recomenda aplicar as medidas oportunas nos sistemas municipais de abastecemento de Nigrán, Baiona e unha parte pequena de Vigo, que captan a augas destas dúas concas.

A aplicación de medidas equivalente a situación de alerta por escaseza nestes dous sistemas implica a aplicación automática dun réxime de caudais ecolóxicos de seca nos ríos Zamáns e Baíña que permitirá aos explotadores destes encoros reducir o caudal que se deixan pasar augas abaixo destes rios.

A Oficina Técnica da Seca tamén ampliou a prealerta por escaseza a novos sistemas: o sistema 1, que abrangue os ríos Verdugo e Oitavén e rías de Vigo e Baiona; e o sistema 2, que engloba a costa de Pontevedra.

A situación de escaseza no sistema do río Verdugo e Oitavén vén determinada, en gran medida, pola capacidade do encoro de Eiras para garantir o abastecemento a todos os concellos que se subministran dende el.  Pese a que o encoro de Eiras é o maior de Galicia e ten actualmente unha ocupación do 73%, a preocupación dos técnicos vén derivada pola imposibilidade actual de aproveitar toda a auga dispoñible cando os valores do encoro baixan do 37%, como sucedeu durante a seca do ano 2017, o que leva a unha situación de prealerta por escaseza de auga.

Augas de Galicia solicitou a principios de mes ao Concello de Vigo unha actualización da situación da potabilizadora e a concreción sobre as súas limitacións actuais para aproveitar os recursos do encoro, para confirmar se se produciu algún cambio desde entón. Como non se recibiu resposta por parte do Concello de Vigo, a Oficina Técnica da Seca considerou prudente supoñer que, neste momento, a ETAP ten as mesmas limitacións que no ano 2017, polo que, tendo en conta os indicadores actuais, considerouse necesario activar a situación de prealerta no sistema.

Mantense, ademais, a situación de prealerta por escaseza nos sistemas nos que estaba activa previamente: no sistema do río Lérez e ría de Pontevedra; no sistema do río Tambre e ría de Muros e Noia; na bacía do río Grande e dos ríos que acadan a ría de Camariñas e a costa de Cabana, Laxe e Muxía; na conca do río Anllóns, onde o indicador de escaseza presenta o valor máis baixo da demarcación; e no sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

A Oficina Técnica da Seca constatou, ademais, que as choivas da primeira quincena serviron para evitar a baixada dos indicadores nalgunhas zonas ou para manterse estables, sendo a zona norte da demarcación Galicia-Costa a que presenta unha mellor situación, aínda que non suficiente para saír da situación de seca prolongada.

Consumo responsable da auga

A Xunta continúa reiterando o chamamento ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.

Cómpre que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

A Xunta reitera o chamamento a sumar de esforzos por parte dos cidadáns e das administracións, activando medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos, entre outras.

Imaxes relacionadas