O director xeral do IGVS participou hoxe en Madrid nunha reunión entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e os representantes autonómicos

A Xunta reclama ao Goberno central cambios no Real Decreto que regula as axudas de eficiencia enerxética en vivendas para garantir a súa máxima execución

A reunión fora solicitada por Galicia na Conferencia sectorial do pasado 13 de setembro ante os problemas detectados para desenvolver programas xa convocados

Propón incrementar a contía dalgunhas subvencións para facelas máis atractivas e simplificar a tramitación e os requisitos de acceso co fin de gañar axilidade

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022 A Xunta de Galicia considera necesario e urxente que o Goberno central introduza modificacións no Real Decreto que regula as axudas para rehabilitación enerxética no eido da vivenda financiadas con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, para garantir que cheguen a todos os interesados e se poida acadar un alto grado de execución.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, defendeu a postura da Xunta de Galicia durante a reunión celebrada esta mañá no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) e na que participaron directores xerais das comunidades autónomas.

Esta xuntanza técnica fora solicitada polo Goberno galego na Conferencia sectorial celebrada o pasado 13 de setembro —petición apoiada por outras comunidades— despois de constatar as dificultades para desenvolver as distintas liñas de axudas xa convocadas con cargo aos fondos europeos.

Cómpre salientar que Galicia foi unha das primeiras comunidades en convocar estas axudas, polo que nestes momentos xa dispón dun coñecemento avanzado dos problemas que están a xurdir na súa tramitación.

O director xeral do IGVS destacou na súa intervención hoxe que moitos dos problemas detectados tras a convocatoria das axudas xa foran advertidos pola Xunta e outros gobernos autonómicos nas alegacións presentadas no seu día ao Real Decreto e que, sen embargo, non foron tidas en conta na súa meirande parte.

Unha das principais eivas que presentan estes programas é a reducida contía dalgunhas subvencións. É o que sucede no caso das axudas de rehabilitación enerxética en vivendas, de ata un máximo de 3.000 euros, unha contía escasa sobre todo tendo en conta o incremento dos prezos dos materiais e servizos rexistrados nos últimos meses, o que fai que resulten pouco atractivas para os cidadáns.

Ademais do incremento do importe das axudas máis reducidas, a Xunta demanda do Ministerio que simplifique a tramitación das mesmas, excesivamente complexa, o que permitiría resolver os expedientes e conceder as axudas con maior celeridade, en beneficio dos solicitantes e facilitando ademais a execución dos fondos transferidos pola Unión Europea nunha alta porcentaxe.

Dotación de persoal máis flexible

Finalmente, Heriberto García solicitou que se flexibilicen as condicións de dotación do persoal contratado para a xestión das axudas, o que permitirá tamén unha tramitación máis áxil e eficiente das solicitudes, beneficiando así aos cidadáns.

O obxectivo do IGVS é executar os fondos transferidos pola Unión Europea na porcentaxe máis alta posible e con ese fin publicou este ano as convocatorias das axudas nun prazo reducido e antes que a meirande parte de comunidades. Neste sentido, a mellora das liñas de subvención e da súa tramitación facilitarán o cumprimento deste obxectivo.