O avance nas obras de mellora do firme da autoestrada AG-55 fai necesario habilitar este luns un desvío de tráfico no enlace de Carballo norte

? O corte de tráfico na autoestrada realizarase de forma alternativa entre as 9 e as 20 horas, primeiro no ramal de entrada, sentido A Coruña- Carballo; e a continuación no ramal de saída, sentido Carballo-A Coruña

? Para facilitar a mobilidade habilitaranse itinerarios alternativos debidamente sinalizados

? Estas obras enmárcanse no contrato de mellora do firme das autoestradas do Val Miñor (AG-57) e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, cun investimento de 1,5 M€
 

 Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022.- O avance nas obras de mellora do firme que se están a executar na autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55) farán necesario habilitar este luns, día 26 de setembro, un desvío do tráfico no enlace de Carballo norte.

 

Os traballos programados céntranse neste enlace de Carballo norte, situado no quilómetro 33 da autoestrada AG-55, para o que é preciso o desvío de tráfico entre as 9 e as 20 horas do luns.

 

Procederase ao peche da circulación de forma alternativa, comezando polo ramal de entrada á autoestrada (Carballo–Costa da Morte), sentido A Coruña-Carballo. Para facilitar a circulación o itinerario habilitado permitirá coller o ramal de entrada na autoestrada e realizar un cambio de sentido no enlace de Carballo, no punto quilométrico 29, ou utilizar as outras entradas dos enlaces da circunvalación de Carballo.

 

Para continuar os traballos, posteriormente, cortarase o tráfico no ramal de saída (Costa da Morte-Carballo), sentido Carballo-A Coruña. Neste caso, posibilitarase como itinerario alternativo o cambio de sentido no enlace de Carballo, podendo tamén utilizarse   as outras saídas de enlace da circunvalación de Carballo.

 

Estas obras enmárcanse no contrato de mellora do firme das autoestradas do Val do Miñor (AG-57) e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, que suporá un investimento total de 1,55 M€ e comezaron en xuño.