Na presentación do Campionato de España de Marcha Nórdica que terá lugar este sábado na Illa das Esculturas de Pontevedra

Lete Lasa reivindica a marcha nórdica como un dos máis completos deportes e destaca o apoio da Xunta ás novas modalidades olímpicas como a escalada

Destaca a aposta que a Xunta leva facendo dende hai anos pola escalada e anuncia que o Goberno galego xa traballa na primeira edición do Campionato galego de marcha nórdica e na inclusión da modalidade no programa Xogade

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Campionato de España de Marcha Nórdica, organizado pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada que terá lugar mañá sábado na Illa das Esculturas de Pontevedra. O mandatario galego destacou a importancia da marcha nórdica como un deporte -camiñar con bastóns- que mobilizaba o 90% da musculatura corporal, preto de 600 músculos e uniu esta modalidade co Camiño de Santiago, xa que “miles de peregrinos chegan a Compostela cada día facendo marcha nórdica, ou o que é o mesmo, camiñando con bastóns”.

 

A marcha nórdica, atópase dentro da federación de montañismo e escalada, disciplina que é olímpica dende os Xogos de Toquio e na que Lete Lasa destacou a Alberto Ginés, medalla de ouro olímpica, e o deportista galego de alto nivel, Erik Paulo Noya, que neste verán vén de acadar dous ouros en Copas de Europa de Velocidade e unha prata mundial. “É importante destacar que un dos mellores escaladores de España e do mundo é galego”, apuntou.

 

Neste sentido destacou a aposta que a Xunta de Galicia leva facendo dende hai anos por estes deportes que pouco a pouco van saltando á palestra internacional ao converterse en olímpicos: “fixémolo co BTT, co surf, co skate, co basket 3x3 e tamén coa escalada”. Ao fío desta idea lembrou a importancia do rocódromo instalado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo que xa foi obxecto de visitas de moitos colexios da contorna no marco do programa Xogade.

 

Ademais, Lete Lasa anunciou que o Goberno galego xa traballa na primeira edición do Campionato galego de marcha nórdica e na inclusión da modalidade no programa Xogade.

Imaxes relacionadas