A Xunta destaca na Coruña a importancia da escoita activa para dar solucións aos retos económicos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña, no que se abordaron as diferentes medidas propostas polo Goberno galego para defender os intereses das familias e dos sectores económicos ante o actual contexto de inflación

A Coruña, 21 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña, dentro do traballo de interlocución coas empresas galegas co obxectivo de estar ao carón das pemes, dos autónomos e dos principais sectores industriais. Neste sentido, sinalou a importancia de que as administracións realicen un exercicio de escoita activa para dar solución aos retos económicos aos que se enfronta o tecido empresarial.

 

O vicepresidente primeiro lembrou que da colaboración público-privada naceron medidas como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; a rede de Concellos Emprendedores que colaboran na atracción de investimentos; ou os grandes proxectos nos que Galicia está traballando para optar aos fondos europeos Next Generation. Nesta liña, en próximas datas aprobarase a Lei de áreas empresariais de Galicia.

 

Conde tamén fixo referencia ás diferentes medidas propostas pola Xunta para defender os intereses das familias e dos sectores económicos ante o actual contexto económico de inflación e de suba dos prezos da enerxía, entre as que apuntou á baixada do IVE da luz e do gas; o aproveitamento de todas as capacidades tecnolóxicas existentes ata que a xeración eléctrica non sexa 100% renovable, incluíndo a central térmica das Pontes; axudas fiscais para aliviar as cargas ás familias máis vulnerables; ou un pacto de rendas acordado coas empresas e os sectores económicos, ademais de apostar pola cogobernanza efectiva dos fondos europeos.

Imaxes relacionadas