A Xunta comeza as obras de mellora da glorieta de enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo

As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes e medio


O obxectivo é acondicionar a entrada principal a Sanxenxo tras rematar, na primavera, a mellora da capacidade neste enlace


Acondicionarase o anel interior da glorieta, así como das illetas nos accesos para reforzar a funcionalidade destas infraestruturas


Renovarase o axardinamento da glorieta e colocaranse unhas letras retroiluminadas co nome do concello, orientadas ao acceso desde a autovía

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de mellora da glorieta do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo.

 

As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes e medio.

 

Estes traballos acométense tras rematar na primavera a mellora da capacidade deste enlace, co fin de acondicionar a entrada principal a Sanxenxo.

 

Acondicionarase o anel interior da glorieta, así como as illetas nos accesos.

 

Máis concretamente, as actuacións consisten na rehabilitación do pavimento do gorxal da glorieta, que se formalizará en adoquín de formigón. Este elemento é importante para a funcionalidade da rotonda, ao ser o borde entre os carrís de circulación e o anel interior.

 

Tamén se procederá á renovación do axardinamento da glorieta e á colocación dunhas letras retroiluminadas co nome do concello, “Sanxenxo”, orientadas ao acceso desde a autovía.

 

Unha vez finalizados os traballos, o Concello de Sanxenxo comprométese a asumir a conservación e mantemento da rotonda, ademais de renovar a iluminación interior da glorieta.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para ofrecerlles aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras.

 

Imaxes relacionadas