A Xunta desprega a maior oferta de Formación Profesional da historia na cidade de Pontevedra con preto de 2.000 prazas en 70 ciclos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou de todas as especialidades nunha visita ao CIFP A Xunqueira, que este ano incorpora un ciclo ordinario, outro de formato dual e dous másteres de redes 5G e vehículos híbridos


A Consellería de Educación vén de engadir para o presente curso académico, que aínda ten a matrícula aberta, nove ciclos novos con 190 prazas nos centros pontevedreses da Xunqueira, Carlos Oroza, Frei Martín Sarmiento e Luis Seoane


En toda a provincia de Pontevedra, a Formación Profesional reforzouse con 51 especialidades de recente creación con 1.063 prazas


“Temos unha FP de primeiro nivel, que forma con gran calidade grazas ao profesorado e ás instalacións, e tamén polo deseño duns ciclos que ademais responden ás necesidades do mercado e das oportunidades laborais”, sinalou Luis López

Pontevedra, 21 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a despregar, no curso académico que acaba de dar comezo, a maior oferta de Formación Profesional da historia na cidade de Pontevedra con preto de 2.000 prazas en ata 70 ciclos distintos.

 

O delegado territorial da Xunta, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, informou de todas as especialidades nunha visita realizada esta mañá ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira, que é o que máis incrementou as súas modalidades este ano coa incorporación dun ciclo ordinario de carácter superior de Animación sociocultural e turística, outro de formato dual de dobre titulación sobre Carpintaría e moble e Instalación e amoblamento e senllos másteres de FP de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos e Implementación de redes 5G.

 

“En Galicia temos, dende hai moitos anos, unha FP de primeiro nivel, posiblemente a mellor de España, que forma con gran calidade a milleiros de persoas grazas ao profesorado e ás magníficas instalacións que temos, e tamén polo deseño, por parte da Xunta, duns ciclos atractivos, especializados e moi acaídos que ademais responden ás necesidades do mercado e outorgan moitas oportunidades laborais ao alumnado”, sinalou o representante autonómico.

 

En toda a provincia de Pontevedra, a Formación Profesional reforzouse neste curso académico con 53 novos ciclos dotados con 1.063 prazas, das que 190 ofértanse en catro institutos da cidade de Pontevedra a través de nove ciclos novos.

 

Ademais das catro novidades do CIFP A Xunqueira xa citadas, os novos ciclos na cidade de Pontevedra son os duais de Xestión de aloxamentos turísticos e Dirección de cociña e en servizos de restauración e, ambos no Carlos Oroza, o de Estética integral e benestar no Frei Martín Sarmiento e o de Comercialización de produtos alimentarios no IES Luis Seoane. E ademais, tamén hai un novo máster de FP sobre Panadería e Bolaría Artesanais no Carlos Oroza.

 

Deste xeito, a provincia de Pontevedra conta este ano con 12.913 prazas de Formación Profesional, das que 9.504 pertencen ao réxime ordinario, 1.733 ao de adultos, 1.150 a modalidade a distancia, 160 aos másteres e 366 ao formato dual. A oferta incrementouse, en termos xerais en toda Galicia, en case un 5% ante o incremento da demanda.

Imaxes relacionadas