A Xunta inicia a reparación de canalización de pluviais na estrada PO-532 no concello de Pontevedra

Os traballos, cun investimento de case 40.400 euros, desenvólvense na glorieta de acceso ao Hospital público de Montecelo co fin de evitar problemas de filtracións

Repararase o colector desde o seu interior mediante o encamisado con manga de fibra de vidro

Inspeccionarase a tubaxe cun equipo robotizado e procederase á súa limpeza coa aspiración de residuos cun camión reciclador combinado de alta presión

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 202

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de reparación e conservación da canalización de pluviais na estrada PO-532 no concello de Pontevedra.

 

A actuación, cun investimento de preto de 40.400 euros, desenvólvese entre os puntos quilométricos 0+885 e 1+010, na glorieta de acceso ao Hospital público de Montecelo, para evitar problemas de filtracións.

 

A actual canalización da rede de pluviais está composta por un colector de formigón de que xera filtracións ao terreo que causan afección en edificacións lindeiras, nunha lonxitude de 130 metros. Dado que o colector está situado baixo a calzada, non é viable abrir unha gabia e substituír o tubo por outro novo, porque afectaría á funcionalidade da estrada.

 

Así, procederase á reparación do colector desde o seu interior, mediante o encamisado con manga de fibra de vidro. Inspeccionarase a tubaxe cun equipo robotizado e procederase á súa limpeza coa aspiración de residuos cun camión reciclador de augas combinado de alta presión, e fresado de obstáculos mediante un robot fresador autopropulsado.

 

Tamén se realizará un by-pass con equipo de bombeo provisional. O encamisado do colector farase con manga continua autoportante, de fibra de vidro e poliéster. Deste xeito, obterase un novo tubo interior ao existente, estanco e sen xuntas.

Imaxes relacionadas