A Xunta reorganiza desde o vindeiro luns as rutas do autobús integrado do CPI de San Vicente da Baña para mellorar o servizo ao alumnado

As paradas redistribúense a través de 6 novas liñas para adecuar os itinerarios ás necesidades neste curso escolar, garantindo a coordinación das chegadas e saídas ao centro

 

Aténdese a petición do centro e das familias de optimizar as rutas integradas evitando desaxustes na prestación efectiva do transporte aos alumnos
 

 

A Xunta aprobou o expediente de modificación presentado pola empresa concesionaria nos últimos días, tras os contactos mantidos desde o inicio do curso
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

A Xunta reorganiza desde o próximo luns, día 26 de setembro, as rutas do autobús integrado do CPI de San Vicente da Baña para mellorar o servizo ao alumnado.

 

As 6 novas liñas, que substituirán as actuais, redistribúen as paradas para adecuar o deseño dos itinerarios ás necesidades do alumnado neste curso escolar.

 

Coa reestruturación das liñas conséguese, ademais, equilibrar a duración das viaxes entre as distintas rutas, garantindo a coordinación nas chegadas e saídas ao centro.

 

Con estas melloras a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións do centro e da comunidade educativa do CPI de San Vicente para optimizar o deseño das liñas e garantir un mellor servizo, de xeito que se eviten desaxustes na prestación efectiva dos servizos ao alumnado.

 

Desde o inicio deste curso escolar, a Xunta mantivo un contacto continuo coa empresa concesionaria, que presentou nos últimos días o expediente de modificación no que se recolle o redeseño das liñas. Así, os axustes aprobados recollen as propostas acordadas coa dirección do centro e coas familias.

 

A reorganización das rutas de transporte integrado supón aplicar o mesmo axuste dos itinerarios nos servizos que se prestan en época non lectiva, polo que se manteñen as posibilidades de conexión da veciñanza ao núcleo urbano da Baña durante todo o ano.

 

Toda a información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.