A Xunta traslada ao alcalde de Barro o convenio para as obras de construcción do novo centro de saúde no seu concello

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e o xerente da área sanitaria reuníronse hoxe co alcalde para explicarlle os detalles do acordo que permitirá edificar en Barro un centro de saúde que duplique a superficie do actual
 

A construción deste novo centro de saúde está prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado no Consello da Xunta en outubro de 2021
 

Pontevedra, 21 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e do Salnés, José Flores Arias, reuníronse hoxe co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para explicarlle os detalles da proposta de convenio que fai a Xunta ao concello para levar adiante as obras do centro de saúde da localidade.

O actual centro de saúde de Barro, debido a súa antigüidade, 38 anos, conta con accesos inadecuados que non cumpren coa normativa de accesibilidade e con instalacións obsoletas que precisan ser melloradas.

Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.

Se ben o centro de Barro formaba parte da Fase 2 deste Plan, a celeridade do concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata e a ausencia de propostas concretas doutros concellos con centros incluídos na Fase 1 como Poio, Cangas ou O Grove teñen levado ao goberno galego a priorizar a proposta do centro barrés.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 4 consultas de adultos, 1 sala polivalente, 1 sala de toma de mostras, área de pediatría con 2 consultas e 1 consulta de matrona, o que supón con respecto ao centro actual incrementar en unha consulta polivalente, 1 de enfermería pediátrica e 1 de matrona. Este plan resultaría nun edificio duns 800 m2, máis que duplicando a superficie de 320 m2 do actual centro de saúde.

Para poder iniciar a obra deste novo centro, a Xunta trasladou hoxe ao alcalde unha proposta de convenio para poder iniciar a súa tramitación o antes posible unha vez o concello dea a súa conformidade ao texto.

Exencións fiscais

A proposta de convenio, como é habitual nos acordos que realiza o Sergas cos concellos nos que vai a realizar obras, recolle entre as obrigas do concello a realización de todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde. A dita parcela deberá cederse libre de cargas e gravames, incluíndo a asunción por parte do concello dos custos do derrubo de calquera outra edificación existente actualmente nese terreo. Ademais, a administración municipal comprométese tamén a obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de construción do novo de saúde.

En correspondencia, o convenio establece que a Xunta deberá asumir a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de construción do novo do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.

Finalmente, o convenio require tamén do concello as exencións e bonificacións fiscais que a Xunta adoita solicitar naqueles concellos onde vai realizar unha inversión deste tipo. Así, o concello de Barro deberá regular a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles (IBI) a favor dos centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a declarar esta construción de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

Imaxes relacionadas