Román Rodríguez salienta a influencia do Camiño de Santiago na rica e variada toponimia de Galicia

Santiago de Compostela, 21 de setembro do 2022

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da USC e a Asociación Galega de Onomástica co apoio da Xunta, onde salientou a influencia da tradición xacobea e da peregrinación na rica e variada toponimia de Galicia.

“Resulta imposible entender a historia de Galicia con todos os seus significados sen as diferentes persoas e culturas que ao longo dos séculos peregrinaron ata Compostela contribuíndo a enriquecer a relación dos galegos co seu propio territorio”, expresou.

Neste acto, no que participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, o representante autonómico de Cultura afirmou que a toponimia é un dos principais bens patrimoniais e culturais de Galicia e o seu estudo “é vital para entender o pobo que somos hoxe en día”. “Desde a Xunta de Galicia asumimos a necesidade de investigar a toponimia con proxectos como Galicia Nomeada o novo Noménclator ou a campaña Toponimízate.

Imaxes relacionadas