Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte reuníronse hoxe con responsables destas entidades

A Xunta avalía coas comunidades de montes de Caldas de Reis e Vilagarcía os danos rexistrados polos incendios forestais na zona

No encontro, a técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que xa inspeccionou o terreo afectado, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral moi baixa, sen que o chan nin a vexetación foran danados de xeito significativo

Tamén se incidiu na importancia de progresar na anticipación aos incendios con ferramentas como as da Lei de recuperación da terra agraria

Caldas de Reis (Pontevedra), 20 de setembro de 2022

Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro cos responsables de diversas comunidades de montes de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, para avaliar a situación tras o incendio forestal rexistrado o pasado mes de agosto e as medidas a levar a cabo.

Durante este encontro, a técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Cristina Fernández, que xa inspeccionou o terreo afectado, explicou os detalles técnicos da afección e as posibles medidas a tomar para previr a erosión no chan. Neste sentido, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral moi baixa, sen que o chan nin a vexetación foran danados de xeito significativo. Polo tanto, as medidas a levar a cabo na zona pasan pola recuperación de forma natural.

Neste senso, os directores xerais indicaron tamén que a xuntanza serviu para avaliar as medidas a adoptar a medio e longo prazo, para o que pediu a colaboración das comunidades de montes co fin de procurar un territorio “o máis resiliente” fronte o lume.

De feito, os representantes da Consellería lembraron a folla de ruta marcada desde hai máis dun ano a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, ambos instrumentos de mobilización de terras que permiten poñer en valor terras produtivas que estaban en desuso.

Así, xa están aprobadas un total de 21 aldeas modelo e, precisamente, dúas delas -a de Osmo en Cenlle e a de Parada dos Montes na Pobra do Brollón- evitaron que dous dos lumes deste verán seguisen avanzando, de aí a importancia de poñer a traballar as terras que rodean os núcleos de poboación. En canto aos polígonos agroforestais, xa hai 10 iniciados e outros 11 en fase de actuacións previas. En total, máis de 9.300 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas no primeiro ano de vixencia da Lei de recuperación entre ambos instrumentos, beneficiando a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.  

Departamento:
C. do Medio Rural