A Xunta destaca a aposta polas infraestruturas xudiciais nunha visita do Consello da Maxistratura de Bos Aires á Cidade da Xustiza e aos xulgados pontevedreses da Parda

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, acompañou os membros do Consello da Maxistratura no percorrido por ambas instalacións, que suman un investimento superior aos 63 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, acompañou hoxe a membros do Consello da Maxistratura da Cidade Autónoma de Bos Aires (CABA) nunha visita aos xulgados da Parda, en Pontevedra, e á Cidade da Xustiza, en Vigo, as máis importantes infraestruturas xudiciais construídas en Galicia.

 

Durante o percorrido, o director xeral incidiu no compromiso do Goberno galego coa mellora das instalacións ao servizo da Administración de Xustiza, do que son mostra os dous edificios visitados. Ambas obras sumaron un investimento superior aos 63 millóns de euros.

 

No caso dos xulgados da Parda, inaugurados en 2019, a Xunta investiu 21,5 millóns de euros co obxectivo de darlle resposta á demanda de espazo requirido pola Administración de Xustiza en Pontevedra. Nesta visita, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, a xuíz decana Belén Rubido explicou a adaptación do novo edificio ao funcionamento da xustiza en España. Tras o percorrido os maxistrados valoraron especialmente a funcionalidade das instalacións.

 

A continuación, José Tronchoni e os membros do Consello da Maxistratura da CABA trasladáronse a Vigo para coñecer a nova Cidade da Xustiza, cuxa ocupación comezará en breve e que supuxo unha achega de 42 millóns de euros. Neste caso, acompañou na visita o xuíz decano Germán Serrano, quen ademais de mostrar as instalacións, informou do funcionamento diario dos xulgados e da súa aplicación práctica no novo edificio.

  

A maiores, José Tronchoni explicoulles aos membros do Consello da Maxistratura da CABA o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 125 millóns de euros. Nesta liña, cómpre sinalar que só neste ano a Xunta destina 1,6 millóns de euros a pequenas reformas e obras de mellora nos xulgados galegos.

 

Impulso á dixitalización

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que se lle está a dar á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros. Con este novo plan o Goberno galego da continuidade aos dous Plans Senda anteriores aos que a Xunta xa destinou outros 50 millóns de euros.

Imaxes relacionadas