A Xunta apoia o ciclo Elas, o que move o camiño, un foro de debate sobre emprendemento e igualdade nas rutas xacobeas

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo promove esta iniciativa, financiada polo Goberno galego no marco do programa O teu Xacobeo
 

Lugo, 20 de setembro de 2022

A Oficina de Turismo da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación do ciclo Elas, o que move o camiño, que promove a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia e financia o Goberno galego a través do programa O teu Xacobeo. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias, e o presidente da entidade, Ángel Trabada, entre outros.

 

A iniciativa constará de catro mesas redondas nas que intervirán mulleres emprendedoras de municipios polos que discorren as rutas, de non máis de 5000 habitantes, que achegarán a súa experiencia persoal e reflexións sobre o emprendemento no rural, a igualdade e a influencia do Camiño como potenciador destes e outros valores.

 

Nese sentido, a Asociación indica que o último estudo sobre o impacto socioeconómico do Camiño apunta que as rutas xacobeas supoñen un incremento da poboación residente de entre o 10 e o 30% en municipios como Baleira e Triacastela, e que a actividade turística vencellada aos itinerarios xacobeos tense convertido no sector que máis empregos xera en municipios como Palas de Rei, Portomarín ou Pedrafita do Cebreiro.

A primeira xuntanza celebrarase o 28 de setembro en Friol, e as protagonistas serán María Remedios Otero, responsable do hotel cultural Casa da Galbana de Friol; Begoña Oural, da parafarmacia Conde Santo de Lourenzá, e Rocío Barral, unha das creadoras da marca de artesanía Lucecús, en Vilalba.

 

O 6 de outubro intervirán no concello de Castroverde outras tres mulleres emprendedoras, neste caso situadas en municipios do Camiño Primitivo: Yanire Díaz, da Casa da Lembranza da Fonsagrada, dedicada ao turismo rural; Silvia Fernández, do comercio de moda infantil Reino Máxico de Castroverde, e Patricia Menéndez, da tenda de agasallos Bahía 19 de Lugo.

 

A mesa redonda sobre o Camiño de Inverno terá lugar no concello do Saviñao o día 20 de outubro, coa participación de Yolanda Torrens, da explotación leiteira Rodasinde SC dese municipio; Judith Jacinto, de Tata Alimentos con Historia, en Chantada, e Verónica Núñez, da empresa de produtos alimenticios Caurelor de Quiroga.

 

O último encontro terá lugar o 24 de outubro en Portomarín, no Camiño Francés, e reunirá a Yolanda Cela, da empresa de Triacastela La Abuela Delfina Embutidos, e ás impulsoras de Cosmética Muuhlloa en Palas de Rei: Marta e María Álvarez, Chusa Expósito e Carmela Valiño.

 

Todos os foros son de entrada libre e gratuíta e darán comezo ás 20.00 horas salvo o do Saviñao, que comezará ás 19.00 horas; a previsión é que teñan lugar nos respectivos consistorios. Paralelamente, o proxecto ten unha dimensión dixital, cunha páxina webque acolle as testemuñas das mulleres traballadoras protagonistas e presenza nas redes sociais.

 

A iniciativa busca promover a importancia das rutas xacobeas que pasan pola provincia de Lugo fomentando valores elementais como a igualdade, o desenvolvemento rural ou o intercambio de experiencias durante o Camiño.

Imaxes relacionadas