A Xunta colabora coa AECC para organizar o 2 de outubro en Monforte de Lemos unha carreira solidaria contra o cancro

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación dun circuíto urbano de cinco quilómetros co fin de recadar fondos para loitar contra a enfermidade

Monforte de Lemos (Lugo), 20 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia colabora coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para organizar o domingo 2 de outubro en Monforte de Lemos unha carreira solidaria contra esta enfermidade.

 

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita xunto coa presidenta do colectivo en Lugo, María Luz Abella, e os demais representantes das entidades implicadas.

 

Está previsto un circuíto urbano de cinco quilómetros que partirá ás 12.00 horas da explanada da Compañía. Para inscribirse e obter a camiseta o prezo é de 10 euros. Ademais, aqueles que non queiran participar na marcha pero sí contribuír co que desexen teñen a opción de adquirir un dorsal cero.

 

As persoas interesadas poden obter máis información e apuntarse online na páxina web enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/carreiramonforte; ou ben nas sedes do colectivo en Lugo e Monforte de Lemos.

 

A finalidade é recadar fondos para proxectos de investigación oncolóxica, así como plans preventivos e asistenciais. Arias subliñou que a Xunta mantén unha colaboración constante coa AECC e incidiu na importancia da prevención na política sanitaria, eido no que Galicia se sitúa á cabeza grazas á vacinación incluída no novo Calendario, aos cribados en adultos –como o de cancro de mama, colon e a extensión prevista na lexislatura do cribado de cancro de cérvix— e os cribados neonatais.

 

Nese mesmo sentido, destacou que este mes reforzouse a actividade en horario de tarde na Unidade de Exploración Mamográfica do Programa Galego de Deteción Precoz do Cancro de Mama, situado na praza do Ferrol (Lugo). Referiuse ademais aos novos investimentos en equipamento tecnolóxico que mellorarán a calidade asistencial na área sanitaria, entre os que destacou a futura implantación da área de PET no HULA e as novas equipacións de TAC nos hospitais da rede sanitaria pública galega.

Imaxes relacionadas