A Xunta somete a información pública o proxecto de execución dunha glorieta na AC-116 e a conexión co polígono empresarial Río do Pozo, no Concello de Narón

As obras, cun orzamento autonómico de 930.000 €, mellorarán a seguridade viaria na contorna, coa execución desta glorieta na intersección da vía autonómica coa estrada provincial DP-5408 e co viario local de acceso á zona de costa

 Na intervención inclúese a execución da conexión directa prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia entre o parque industrial e a AC-116, onde se executará tamén unha nova glorieta no punto 3+630


As persoas interesadas poderán formular observacións á concepción do trazado durante 30 días hábiles, a contar desde mañá

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para a apoiar o desenvolvemento económico e o tecido industrial
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116 e da conexión co polígono empresarial Río do Pozo, no concello de Narón.

 

As obras proxectadas pola Xunta, cun orzamento autonómico de 930.000 euros, consiste na construción dunha glorieta no citado punto 4+120 da estrada autonómica, na intersección coa vía provincial DP-5408 e co viario local de acceso á zona de costa.

 

Con esta intervención, búscase de mellorar a seguridade viaria nesta zona, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e deceleración.

 

Neste proxecto, e para completar a intervención, inclúese a execución da conexión directa entre o polígono e a AC-116, onde se executará tamén unha nova glorieta no punto quilométrico 3+630 desta estrada. Esta conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia, cuxa actualización foi aprobada pola Xunta de Galicia.

 

Na publicación de hoxe no DOG sométese tamén a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización destas obras.

 

Todos as persoas interesadas poderán formular observacións á concepción do trazado durante 30 días hábiles, que comezarán a contar a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio: https://acortar.link/NexOCH

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios, así como para a apoiar o desenvolvemento económico e o tecido industrial.

 

Imaxes relacionadas