A Xunta apoia a 27ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que reforza a presenza galega e homenaxea aos profesionais da dirección

Mantén o seu apoio económico ao certame tanto a través do programa de exhibición como con diferentes actividades paralelas para dinamizar o galego a través do audiovisual

Ourense, 20 de setembro de 2022

O festival de cine internacional de Ourense (OUFF) arrancará o vindeiro venres a súa 27ª edición reforzando a presenza de cineastas galegos, con máis de 40 filmes, e cunha homenaxe aos profesionais da dirección en Galicia. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación desta cita que un ano máis contará co apoio da Xunta tanto a través do programa de exhibición como de diferentes actividades paralelas como co programa OUFF Escola para a dinamización do galego a través do audiovisual.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, indicou que o apoio constante do Goberno autonómico a esta cita forma parte do seu compromiso por “apoiar aos profesionais do audiovisual que están a contribuír co seu traballo nos últimos anos ao impulso da cultura galega en Galicia e fóra dela, con propostas rigorosas e de calidade”. Salientou que nesta liña, a Xunta leva anos mantendo o seu compromiso co OUFF para fomentar o encontro entre profesionais pero tamén para contribuír a crear e impulsar novos públicos apoiando a difusión de novos filmes.

 

Neste sentido, referiuse ao traballo que está a levar o departamento de Cultura da Xunta á hora de impulsar ao audiovisual en todas a etapas de creación grazas, dixo, ás diferentes liñas en marcha. Indicou que no que vai de ano ao cinema e televisión a Xunta destina distintas convocatorias de axudas por valor de máis de de 7,2M€, tanto a través do programa anual de subvencións como do Hub Audiovisual da Xunta, “ferramentas que están a contribuír a fortalecer os sectores culturais galegos que van ter un gran protagonismo nesta nova edición do OUFF”.

 

Talento galego

A presenza galega na edición deste ano está composta con ata 40 filmes de cineastas galegos, incluíndo a estrea da última película de Ángel de la Cruz O home e o can, un drama centrado na soidade dos anciáns e a crise demográfica nas zonas rurais protagonizado por Manuel Manquiña. Tamén se estrearán O corpo aberto de Ángeles Huerta e El tirabeque, de Darío Autrán. Pechará a edición cun pase especial de La Manzana de Oro, o regreso de Jaime Chávarri á dirección cinematográfica tras 17 anos, rodada de xeito integro en Ourense.

 

No marco do festival -que se celebrará desde o venres 23 de setembro ao 1 de outubro- o cineasta Xavier Villaverde tamén proxectará un breve extracto da súa próxima película María Casares, la mujer que vivió mil vidas, unha longametraxe que se achega de maneira íntima e profunda a actriz que estivo marcada pola Guerra Civil e o exilio a Francia. Tamén se celebra o centenario de Nosferatu cun espectáculo no que se pasará o filme e se recreará en directo a música orixinal.

 

A esta programación tamén se suman, entre outras propostas, a exposición inaugurada esta semana Manual de Dirección. Cineastas de Galicia da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil e comisariada por Xosé Enrique Acuña, que consta de 52 grandes retratos dos principais directores e directoras de cine que desde hai máis de 30 anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica en Galicia.