A Xunta demanda ao Goberno e a Endesa que ofrezan as certezas que precisan os traballadores e os novos proxectos industriais para As Pontes

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a central térmica xunto cunha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo


Subliña que a decisión de pechar parcialmente a planta supón unha evidencia da falta de rigor e de planificación, así como a constatación dun problema de garantía de subministración


Sinala que a viaxe a Galicia dos europarlamentarios, que se desprazarán esta tarde a Alcoa, é unha oportunidade para que a Comunidade traslade unha imaxe clara “que estamos á vangarda de Europa nos proxectos industriais e enerxéticos”

As Pontes (A Coruña), 20 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que visitou hoxe a central térmica das Pontes acompañando a unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, demandou ao Goberno e a Endesa trasladen certezas tanto aos traballadores e aos transportistas como aos proxectos industriais que teñen demostrado a súa capacidade para desenvolverse na zona, para a partir de aí poder traballar conxuntamente e darlles viabilidade.

 

Francisco Conde fixo fincapé en que “a única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700MW” e subliñou que a decisión do Goberno de pechar parcialmente a planta “supón unha evidencia da falta de rigor e da falta de planificación”, así como a constatación, tal e como apuntou sempre a Xunta, de que “efectivamente hai un problema de garantía de subministración” no proceso de transición enerxética.

 

Fronte a isto, o responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a Administración autonómica leva dous anos traballando e conta con proxectos industriais e enerxéticos de empresas concretas, entre as que citou a Sentury, Reganosa e EDP, e Ence, e que o que se precisa por parte do Goberno e de Endesa é un calendario e prazos definidos para ver como se vai poder darlle viabilidade a eses proxectos. “O que non nos poden pedir nin á Xunta, nin ao concello nin aos propios traballadores é un acto de fe” apuntou o vicepresidente económico, quen pediu “a máxima transparencia e a máxima sensibilidade cos traballadores, a industria auxiliar e os transportistas que son os principais afectados polas decisións do Goberno”.

 

Durante a súa visita á central das Pontes acompañando á comisión do Parlamento Europeo, Conde sinalou que esta viaxe a Galicia é unha oportunidade para que a Comunidade traslade unha imaxe clara da aposta polo desenvolvemento das enerxías renovables e pola neutralidade climática, e de “que estamos á vangarda de Europa nos proxectos industriais e enerxéticos, e traballando cara a unha economía máis verde e unha industria cada vez máis sustentable”.

 

O vicepresidente primeiro visitará hoxe xunto cos europarlamentarios o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, onde poderán coñecer a única fábrica de aluminio primario que queda en España e que depende dun prezo eléctrico competitivo que permita a este tipo de empresas que son grandes consumidoras de enerxía afrontar con garantías o seu futuro e manter a súa actividade industrial e os postos de traballo que xera.