A Xunta visita a unidade de "Coidados porta a porta" situada en Noia

Percorre todos os concellos galegos agás as sete cidades desde o mes de marzo ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria e neste tempo leva atendidas a máis de 17.000 persoas

O Goberno galego segue achegando servizos ao rural galego a través do Servizo de Axuda no Fogar, que beneficia a máis de 24.000 persoas maiores; ou das casas do maior, que nestes momentos superan o centenar de centros

Noia (A Coruña), 20 de setembro de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a unidade móbil do programa Coidados porta a porta situada na praza da Alameda, no concello de Noia. Durante o encontro, sinalou que esta iniciativa leva beneficiado a 17.000 persoas maiores desde o pasado mes de marzo, cando comezou o seu percorrido por todos os concellos galegos agás as sete cidades.

 

O programa Coidados porta a porta ofrece servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude para achegar esta atención ás proximidades dos fogares das persoas maiores, de maneira que conten con servizos na súa contorna e poidan seguir vivindo alí onde prefiran. 

 

Antón Acevedo sinalou que para ser atendido en calquera dos autobuses do programa, que continuarán percorrendo todo Galicia, é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. Nestes momentos, tamén hai unha unidade no concello de Porto do Son que permanecerá ata o xoves no peirao.

 

Máis servizos no rural

O director xeral apuntou que o Goberno galego segue apostando por un rural con servizos que ofreza aos seus veciños todas as atencións que poidan necesitar. Neste sentido, lembrou que a Xunta segue reforzando o Servizo de Axuda no Fogar, que leva ás casas de 24.000 galegos a atención dun profesional especializado.

 

Así mesmo, destacou que se segue ampliando a rede de casas do maior. Estes centros, situados nos concellos menos poboados de Galicia, superan nestes momentos o centenar. Nestas instalacións, as persoas usuarias manteñan un ritmo de vida activo na súa propia contorna.

Imaxes relacionadas