A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo preside a xuntanza mensual da Comisión Permanente da Xunta consultiva de urbanismo

A Xunta aclara a posibilidade de división horizontal das edificacións existentes no solo rústico no marco da súa aposta pola rehabilitación e o patrimonio construído

Nestas parcelas a normativa vixente permite establecer un réxime especial, no que as diferentes plantas dun inmoble sexan propiedades independentes, pero sen que en ningún caso implique a segregación da parcela

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia aclara nunha circular que as edificacións existentes no solo rústico poden dividirse en propiedades independentes. Esta aclaración enmárcase na aposta do Goberno galego pola rehabilitación e o patrimonio construído e responde ás numerosas consultas recibidas sobre esta cuestión.

 

A Comisión Permanente da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo informou favorablemente esta mañá sobre a circular adoptada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en colaboración co Decanato dos Rexistradores da Propiedade, Mercantís e Bens Mobles de Galicia e co Colexio Notarial de Galicia, na que se explica a posibilidade de constituír un réxime de propiedade horizontal nas edificacións existentes no solo rústico.

 

Polo tanto, permite que as diferentes partes dun inmoble poidan ser propiedades independentes, pero mantendo sempre a unidade da finca xa que a división e segregación de parcelas en solo rústico está prohibida. Deste xeito, o predio non perderá a súa condición de parcela única para calquera acto de nova construción ou reforma da construción existente.

 

Esta aclaración resulta especialmente importante para actuacións promovidas polos concellos para implantar varias vivendas de protección oficial nunha edificación existente no solo rústico. É o caso, por exemplo, da posible rehabilitación das antigas escolas unitarias, que actualmente están en desuso, e que se pretende recuperar dotándoas de uso residencial.

 

Ademais, tamén dá resposta a outros supostos como a venda dunha das plantas dunha vivenda xa existente tanto para uso residencial como para a implantación dunha actividade económica.

 

Esta foi a primeira xuntanza da Comisión Permanente da Xunta Consultiva, logo da constitución do dito órgano consultivo o pasado 29 de xullo, mediante a celebración do seu primeiro Pleno, co obxectivo de dinamizar os trámites administrativos dos concellos en base á simplificación e á eficacia, e no que se informaron favorablemente os Plans Básicos Municipais dos concellos de Trabada e Riotorto, xa aprobados definitivamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Esta Comisión, que se convocará mensualmente e que está integrada por persoal tanto da administración autonómica como da local, será a encargada do asesoramento e a emisión de informes sobre a interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo que lle formulen dende a propia administración autonómica e tamén dos concellos, colexios profesionais e organizacións empresariais afectadas pola ordenación territorial e urbanísticas.

Imaxes relacionadas