A Xunta aborda as prioridades de Galicia ante a Unión Europea co obxectivo de defender os intereses galegos

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, iniciou a súa visita institucional a Bruxelas na Fundación Galicia Europa, onde anunciou a posta en marcha dunha estratexia para reforzar a posición de Galicia no eido europeo

Mañá reunirase co embaixador representante permanente de España ante a UE para abordar a Presidencia española do Consello da UE, que asumirá no segundo semestre de 2023

Bruxelas, 20 de setembro

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, realizou a súa primeira viaxe a Bruxelas dende que ocupa o seu cargo. Acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, Diego Calvo visitou esta mañá a oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, onde coñeceu aos profesionais e bolseiros que traballan neste organismo. Tamén comprobou o labor que realiza esta entidade como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos desde hai máis de 30 anos e, sobre todo, na defensa dos intereses galegos ante a Unión Europea.

 

“Nun momento en que a UE está a desempeñar un papel cada vez maior fronte as sucesivas crises que estamos a vivir, é necesario reforzar a nosa presenza en Bruxelas para defender os intereses galegos no complicado proceso comunitario de toma de decisións”, explicou o vicepresidente segundo.  

 

Nesta liña,  lembrou que a lei de Acción Exterior de Galicia, aprobada o pasado ano, outorga a esta entidade o mandato para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado.

 

A transición xusta, a Rede Transeuropea de Transporte, a posible reforma da Política Pesqueira Común, o papel de Galicia na Alianza de rexións coa industria da automoción, ou a participación no debate sobre transición ecolóxica plasmada no Pacto Verde Europeo, son algúns dos temas que trata a Fundación Galicia Europa en colaboración coas consellerías da Xunta de Galicia para identificar aquelas decisións que poidan ter un maior impacto en Galicia.

 

Posteriormente, o vicepresidente segundo participará nun encontro con funcionarios galegos das institucións comunitarias, para despois visitar o Parlamento Europeo da man da eurodeputada española, Rosa Estarás Ferragut. Mañá, mércores, Diego Calvo reunirase con Marcos Alonso, embaixador e representante permanente de España ante a Unión Europea. O encontro terá como principal asunto a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea, no segundo semestre do ano 2023, pero tamén se abordarán cuestións como a adxudicación dos fondos europeos, a pesca en augas profundas ou a extensión do Corredor Atlántico ao noroeste peninsular, unha demanda reiterada ao Goberno central que resulta esencial para Galicia.

Imaxes relacionadas