A Xunta e Down Galicia asinan un convenio para a investigación do envellecemento das persoas con esta síndrome

O Goberno galego destina 100.000 euros á elaboración dun estudo que analice e identifique recursos para atender á aceleración do envellecemento das persoas con síndrome de Down

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

A Xunta asinou un convenio de colaboración con Down Galicia para a investigación do envellecemento das persoas con esta síndrome. O Goberno galego destinará 100.000 euros a esta iniciativa que ten como finalidade propoñer a posta en marcha de novas medidas que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down.

 

Este proxecto terá varias fases que consistirán na elaboración de protocolos de valoración e diagnóstico do envellecemento acelerado das persoas con síndrome de Down. Realizarase por un lado unha recollida de datos sobre os procesos de envellecemento das persoas con síndrome de Down, procederase á identificación dos recursos existentes e, finalmente, proporanse medidas para ofrecer unha mellor atención.

 

O Goberno galego mantén unha estreita colaboración con Down Galicia para ofrecer un tratamento adecuado a estas persoas así como ás súas familias. A posta en marcha deste estudo permitirá aproveitar o coñecemento desta entidade no coidado e atención das persoas con esta síndrome.

Imaxes relacionadas