A Xunta salienta ante a Comisión de Industria do Parlamento Europeo o compromiso de Galicia cunha transición enerxética planificada e xusta

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que acompaña á delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, sinala que este proceso debe ter en conta o impacto no emprego e no territorio e abrir novas oportunidades no ámbito industrial e enerxético

 

Galicia está sendo pioneira no desenvolvemento de renovables, cumprindo xa os obxectivos fixados para 2030 e segue a traballar en novos retos no eido do hidróxeno verde, o biometano, as centrais reversibles ou a eólica mariña
 

Isto vai permitir impulsar modelos de desenvolvemento non só industrial senón tamén na economía circular e na mobilidade sostible
 

Esta tarde están previstas visitas ao Porto Exterior de Ferrol, coa participación de empresas que están a desenvolver proxectos vinculados á transición enerxética na comarca de Ferrolterra; así como a Navantia e a Reganosa

A Coruña, 19 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na Coruña na recepción á delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo que visita Galicia para analizar os desafíos da transición enerxética. Conde salientou o compromiso da Xunta de avanzar cara a neutralidade climática no ano 2050 cun proceso de transición que estea planificado, que sexa xusto desde o punto de vista do impacto no emprego e do impacto territorial e que abra novas oportunidades no ámbito industrial e enerxético.

 

 

Conde agradeceu a visita dos europarlamentarios resaltando que “na colaboración entre as diferentes administracións e o coñecemento sobre o terreo do proceso de transición enerxética é onde podemos seguir abordando os retos do futuro”. Aínda que, tal e como sinalou, “temos un reto no curto prazo que vén moi marcado polo prezo enerxético e polo tanto pola situación e o impacto nas familias e na propia industria”, o reto a medio e longo prazo é como seguir avanzando en enerxías renovables que poidan substituír ás vinculadas con fósiles e hidrocarburos.

 

Neste sentido, apuntou que Galicia está sendo pioneira, cumprindo xa os obxectivos de desenvolvemento de renovables fixados para 2030, e segue a traballar en novos retos industriais e enerxéticos, en ámbitos como o hidróxeno verde, o biometano, as centrais reversibles ou a eólica mariña. O vicepresidente primeiro subliñou que isto permitirá unha diversificación das fontes e das tecnoloxías de xeración actuais, o que vai impulsar modelos de desenvolvemento non só industrial senón tamén noutros ámbitos como a economía circular ou a mobilidade sostible.

 

Francisco Conde sinalou que durante a visita a Galicia a delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo terá ocasión de coñecer enclaves estratéxicos para Galicia. Así, esta tarde o programa inclúe visitas ao Porto Exterior de Ferrol, coa participación de empresas que están a desenvolver proxectos vinculados á transición enerxética na provincia, como Nervión, Reganosa e EDP, Forestal del Atlántico, Ence, Sentury e Showa Denko, ademais da propia Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao. Tamén están previstas visitas a Navantia e a Reganosa. Mañá os representantes do Parlamento Europeo coñecerán as plantas de Endesa nas Pontes e de Alcoa en Cervo.

Imaxes relacionadas