Lete Lasa reivindica o salvamento e socorrismo como un deporte náutico máis no que Galicia tamén é potencia na recepción aos subcampións de España

O secretario xeral para o Deporte destaca as 38 medallas -24 na categoría absoluta e 14 na cadete- acadadas polos deportistas galegos no Campionato de España celebrado na Coruña e en Carballo e desexou a mellor das sortes a Antía García, Eva Feijoo, Gabriel Rodríguez e Alejandro Chacón que parten nos vindeiros días cara Italia para disputar a Copa do Mundo

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe aos integrantes da selección galega de Salvamento e Socorrismo, encabezada pola presidenta da federación, Nuria Rodríguez, que vén de disputar o Campionato de España en categoría absoluta e cadete que tivo lugar o 2, 3 e 4 de setembro na Praia do Orzán, na Coruña, e na Piscina Municipal de Carballo.

O mandatario galego destacou o “excepcional papel” da delegación galega que competiu no nacional formada por seis xogadores absolutos masculinos, seis absolutas femininas, seis cadetes masculinos, seis cadetes femininas, catro técnicos e dous seleccionadores. Neste sentido destacou que Galicia acadou un total de 38 medallas: dez de ouro, sete de prata e sete de bronce na categoría absoluta e outras cinco de ouro, cinco de prata e catro bronces na categoría cadete o que lle valeu pata facerse cun merecido segundo posto na clasificación xeral da competición, conseguindo o subcampionato de España de Salvamento e Socorrismo.

 

Lete Lasa reivindicou un deporte como o “salvamento e socorrismo” que a pesar de ter unha federación nova, creada en 1997, é un “deporte náutico máis no que Galicia tamén é potencia do mesmo xeito que o piragüismo, o remo, o tríatlon ou a vela”. De feito, o responsable da carteira de Deporte subliñou que dende 2004, os clubs galegos aumentaron en máis do dobre, pasando de 6 a 14; e que as licenzas se quintuplicaron, ao pasar de 250 a máis de 1.100.

 

Para incidir na posición de Galicia como referente nacional e mesmo internacional do Salvamento e Socorrismo, Lete Lasa destacou a figura de Antía García, bicampioa de Europa e campioa do Mundo e que xa conta cun récord mundial na proba de 100 metros remolque de maniquí con aletas e que tamén forma parte da selección galega xunto tamén a Eva Feijoo, Gabriel Rodríguez e Alejandro Chacón que, xunto ao técnico David Orgeira, serán os catro representantes galegos na selección española que parte mañá para disputar a Copa do Mundo que se disputa do 27 de setembro ao 2 de outubro en Riccione (Italia).

Imaxes relacionadas