A Xunta colabora na xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico para contribuír a axilizar a actividade xudicial

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, destacou o compromiso da Xunta na loita contra os delitos de tráfico de drogas na inauguración do curso organizado pola Fiscalía Antidroga de Galicia sobre a recuperación de activos nestes casos
 

A Xunta colabora cada ano no reforzo do servizo de xestión de bens comisados coordinado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e apoia a organización de actividades de loita contra a droga por parte da entidade
 

O Goberno galego tamén colabora coa Asociación Érguete no seu programa destinado a acadar unha integración social plena e a reinserción socio-laboral dos usuarios

 

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe a importancia da xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico en Galicia tanto para contribuír a axilizar a actividade xudicial relacionada coa instrución destes procesos como no que se refire á compensación ás vítimas. Así o expuxo na inauguración do curso A recuperación de activos nos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, organizado pola Fiscalía Especial Antidroga e previo á súa Xunta Xeral. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

 

Diego Calvo destacou a necesidade da coordinación institucional para loitar contra o narcotráfico xunto coa implicación da sociedade. Pola súa parte, a Xunta colabora neste ámbito a través do desenvolvemento de actividades por parte que teñen como finalidade potenciar a prevención deste problema que afecta á cidadanía.

 

Coa Fundación Galega contra o Narcotráfico o Goberno galego mantén desde 2015 unha colaboración continuada co obxectivo de mellorar precisamente a xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico en Galicia. En concreto, cunha contía de 15.000 euros anuais para que a fundación poda prestar asesoramento ás autoridades xudiciais e outros axentes implicados cando así llo requiran, no que se refire ás tarefas de xestión, depósito e realización anticipada dos bens inmobles incautados en procesos de narcotráfico e delitos conexos instruídos en Galicia.

 

O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega do Narcotráfico co Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial. A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.

 

O vicepresidente segundo da Xunta destacou que este apoio permite fomentar un servizo que facilita a labor das forzas de seguridade, reduce a carga de traballo e axiliza o funcionamento das unidades xudiciais que instrúen procesos de tráfico de drogas. Ao mesmo tempo, engadiu que se maximiza o beneficio á sociedade ao evitar a perda de valor dos activos grazas á súa venda anticipada. Nesta liña, os ingresos polas vendas redundan no pago de indemnizacións ás vítimas xunto co retorno social do patrimonio incautado, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais e forzas de seguridade.

 

Por outra parte, no marco da colaboración entre a Xunta e a fundación, o Goberno galego destina outros 17.000 euros para apoiar á entidade en distintas actividades e liñas de traballo na loita contra o tráfico de drogas en Galicia, por exemplo, foros e xornadas de carácter técnico, campañas de información e sensibilización á sociedade, axuda e asesoramento a drogodependentes e ás súas familias, así como a colaboración coas forzas e corpos de seguridade e con profesionais do ámbito xudicial.

 

A Vicepresidencia Segunda da Xunta conta cunha terceira liña de colaboración neste ámbito a través dun acordo, dotado de 50.000 euros, en apoio á Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Aditivas para continuar coa realización do seu Programa de Formación e Integración Social encamiñado á procura dunha integración social plena e a reinserción sociolaboral das persoas que participan. 

Imaxes relacionadas