Román Rodríguez gaba a irmandade entre Galicia e Asturias e reivindica os lazos históricos entre ambas comunidades

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na imposición de insignias aos empresarios Adolfo Domínguez e Orlando Alonso con motivo da celebración do Día de Galicia en Asturias

Oviedo, 18 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pon en valor o “sentimento de irmandade” entre Galicia e Asturias e chama a reforzar os lazos históricos que unen ambas comunidades desde o punto de vista social, cultural, e tamén económico “a un e outro lado do Eo”.

 

Así o sinalou hoxe con motivo do acto de entrega de insignias aos empresarios Adolfo Domínguez e Orlando Alonso enmarcado na celebración do Día de Galicia en Asturias, a onde asistiu en representación do Goberno da Xunta.

 

Román Rodríguez agradeceu o labor da Asociación Día de Galicia en Asturias, impulsora deste evento anual que representa “a fraternidade e a colaboración”. Sentimentos que tamén inspiran as traxectorias dos galardoados nesta edición, o deseñador e empresario Adolfo Domínguez e do presidente executivo de Windar Renovables, Orlando Alonso, que -en palabras do conselleiro- “reúnen os valores que marcan a nosa forma de ser como é a creatividade, a capacidade de traballo e o espírito emprendedor” e “nunca deixaron de levar con orgullo o nome de Galicia e de Asturias por todo o mundo”.