O canto tradicional xaponés, o jazz, e a música contemporánea protagonizan as ‘Matinais Musicais’ de outono na Cidade da Cultura

A artista internacional de teatro Noh, Ryoko Aoki, abrirá o ciclo o 25 de setembro cun programa que celebra o irmandamento do Camiño de Santiago coa ruta Shikoku Henro

Lucía Martínez Cuarteto e Arxis Ensemble completan as propostas musicais no Gaiás para as mañás dos domingos de setembro, outubro e novembro

O ciclo da Xunta conta cun programa didáctico do ‘Plan Corresponsables’ dirixido a nenas e nenos para favorecer a conciliación das familias que asisten aos concertos
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2022.-

A Xunta programa na Cidade da Cultura tres novos concertos do ciclo Matinais Musicais para este outono que achegan ao público as últimas creacións musicais de vangarda, o jazz e impulsan o diálogo entre Xapón e Galicia a través da música. Serán tres actuacións nas mañás dos domingos o 25 setembro, o 23 de outubro e o 27 de novembro e as entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla.

 

As Matinais Musicais arrincan con Aruku – Camiñar e a cantante Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh, unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés. A súa presenza en Galicia ten ademais un carácter especial, xa que dará orixe a unha nova creación musical contemporánea que celebra o irmandamento das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro. A artista nipoa estará acompañada polo dúo de pianistas Haruna Takebe e David Durán, de Vertixe Sonora.

 

O programa reunirá tamén a unha compositora orixinaria de Shikoku, Noriko Kawakami, co galego Xacobe Gaspar, nunha residencia artística no Gaiás que compartirán cos intérpretes, e que culminará no concerto de estrea o domingo 25 de setembro ás 12,00 horas no Museo Centro Gaiás.

 

Impulsado pola asociación Kyodo co apoio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Fundación Japón e Yamaha, Aruku – Camiñar afonda no intercambio cultural, filosófico e creativo que os gobernos galego e xaponés veñen promovendo desde eidos como a cultura, o turismo e a educación.

 

Jazz e vangarda

No mes de outubro, será Lucía Martínez a encargada de poñer banda sonora ás mañás de domingo no Gaiás. A compositora e multi-instrumentista viguesa, unha das principais percusionistas de jazz de España, estará nas Matinais Musicais presentando o seu último traballo na compaña de tres músicos e amigos cos que forma o Lucía Martínez Cuarteto, un proxecto nacido na escola de Jazz no Porto hai máis de 12 anos. Será no auditorio do Edificio Fontán o domingo 23 de outubro ás 12,00 horas.

 

Calma e algo máis é o título do repertorio orixinal, un concerto de jazz contemporáneo que bebe de músicas moi diversas, as mesmas que Lucía Martínez explora na súa traxectoria: folk, clásica, flamenco e world-music, entre outras moitas.

 

Tamén no Edificio Fontán será o concerto co que ARXIS Ensemble pechará o 27 de novembro este ciclo das Matinais Musicais. A formación de música contemporánea propón un percorrido xeográfico e sonoro en cinco etapas para achegar ao público as composicións dos últimos 50 anos da música de vangarda.

 

Obras de Hosokawa (Xapón), Scelsi (Italia), Saunders (Reino Unido-Alemaña), Posadas (España) e do galego Miguel Matamoro conforman Sobre a noite, un programa no que o son dos instrumentos semella facerse visible e tanxible, confundindo o ollo co oído.

 

‘Matinais Musicais’ infantís

Nesta ocasión, as Matinais Musicais da Cidade da Cultura contan tamén cunha actividade complementaria, de carácter gratuíto, pensada para favorecer a conciliación das nais e pais que asisten aos concertos no Gaiás.

 

A través de xogos e obradoiros creativos, as nenas e nenos de 5 a 10 anos poderán coñecer diferentes aspectos relacionados co programa do ciclo. Desta maneira, procúrase que coñezan outras músicas e desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. A reserva de prazas pode facerse a través de Ataquilla.

 

As Matinais Musicais Infantís forman parte do Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co financiamento do Ministerio de Igualdade.

 

Imaxes relacionadas