O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asina un convenio coa alcaldesa do municipio e o presidente da entidade para contribuír cos gastos de funcionamento

A Xunta colabora coa Fundación Pazo de Mos na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia

O obxectivo é apoiar as actividades organizadas desde a fundación e que inclúen desde visitas e formacións ata exposicións, concertos ou espectáculos teatrais

Román Rodríguez salientou o traballo dos veciños e agradece o seu compromiso por manter vivo o legado cultural da nosa Comunidade

O representante autonómico tamén visita os traballos arqueolóxicos no Castro de Pereiras, en colaboración co Concello e a Comunidade de Montes
 

Mos (Pontevedra), 16 de setembro de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, asinaron hoxe un convenio polo que a Xunta vai colaborar coa entidade na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia.

 

O acordo polo cal o Goberno galego contribúe cos gastos de funcionamento desta fundación ten por obxectivo apoiar as súas actividades, entre as que se inclúen desde visitas e formacións ata exposicións, concertos ou espectáculos de artes escénicas. “Desde o ano 2006 a Fundación Pazo de Mos, grazas á implicación e esforzo dos veciños, fai un importante labor para dinamizar a vida cultural deste municipio e ofrecer unha programación diversa e de calidade”, salientou Román Rodríguez.

 

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura agradeceu o traballo veciñal e o seu compromiso co legado da nosa Comunidade participando en eventos como o Festival Intercéltico O son do Pazo que se acaba de celebrar.

 

Reforma integral da biblioteca

Con esta contribución, amplíase o compromiso da Consellería co municipio de Mos, que se reflicte na achega de 250.000€ para a reforma integral da biblioteca municipal, o que permite seguir impulsando os servizos culturais de proximidade. Tamén nos traballos arqueolóxicos que están actualmente en execución no Castro de Pereiras, que o conselleiro visitou, e que se realizan en colaboración co Concello e a Comunidade de Montes de Pereiras co fin de consolidar e poñer en valor os restos atopados nas anteriores campañas.

 

A actuación na parroquia mosense de San Miguel de Pereiras encádrase na estratexia de Xunta de Galicia para coñecer mellor o noso pasado.

Imaxes relacionadas