A Xunta agarda unha solución ao futuro de Stellantis en Vigo tras aceptar o Goberno a proposta de Galicia para deseñar un novo Perte adaptado ás necesidades da industria da automoción

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Madrid a unha reunión coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, e con representantes do grupo Stellantis para abordar a situación da factoría viguesa
 

Tras os resultados da convocatoria do Perte do Vehículo Eléctrico e Conectado e tendo en conta a addenda aprobada pola Unión Europea para España, o Goberno galego propuxo redefinir as liñas de axuda
 

Crearase un grupo de traballo no que tamén participarán as comunidades autónomas nas que a empresa conta con fábricas en España (Galicia, Aragón e Madrid)
 

Abordáronse tamén as necesidades da planta de Stellantis en Vigo en materia enerxética, que pasan pola construción dunha subestación de alta tensión

Madrid, 16 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia agarda que se atope definitivamente unha solución ao futuro de Stellantis en Vigo logo de aceptar o Goberno central a proposta galega para deseñar un novo Perte adaptado ás necesidades da industria da automoción. Esta mañá, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Madrid nunha reunión coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e con representantes do grupo Stellantis, así como das outras dúas comunidades autónomas onde a empresa conta con factorías en España (Aragón e Madrid).

 

“Agardamos que se poidan identificar liñas que permitan que Stellantis manteña a súa posición de liderado”, subliñou o vicepresidente económico da Xunta tras a reunión, ao tempo que lembrou que, co 40% da produción de toda España, se trata do principal fabricante de automóbiles do país. De feito, o centro de Balaídos é o que máis vehículos fabrica a nivel estatal.

 

Neste sentido, acordouse crear un grupo de traballo no que ademais do Goberno participarán as tres comunidades autónomas e Stellantis para poder avaliar novas liñas que permitan que proxectos como os desta empresa e outros fabricantes poidan ter acollida nos fondos europeos Next Generation, aproveitando así a oportunidade que isto pode supoñer para Galicia e para a factoría de Vigo.

 

Unha vez aceptada a proposta de Galicia, Conde tamén trasladou a predisposición da Xunta a traballar no marco deste grupo e mesmo a colaborar, se é preciso, na execución dos fondos que se puideran transferir ás comunidades autónomas co obxectivo de poder adxudicar os fondos o antes posible e cumprir así os prazos marcados por Europa. Nesta liña, explicou que hai marxe económica para este novo instrumento, xa que preto de 2400 millóns de euros quedaron sen adxudicar tras a resolución provisional do Perte do vehículo eléctrico e conectado; fondos aos que se lle poderían engadir 7700 millóns de euros máis procedentes da addenda aprobada pola Unión Europea para España.

 

O vicepresidente económico da Xunta de Galicia indicou que na reunión tamén se abordaron os investimentos que Stellantis precisa en materia enerxética e para avanzar no deseño de microchips. Neste sentido, lembrou a importancia de que a empresa conte cunha subestación de alta tensión para mellorar en competitividade e de que se poida seguir avanzando no Perte Chip.

Imaxes relacionadas