A Xunta acomete as últimas obras na rede de camiños das parcelarias de Troáns I e Troáns II cun investimento de 486.000€ e comeza o acondicionamento dos accesos a novas fincas

A Consellería do Medio Rural tamén está a redactar un proxecto conxunto para os traballos de mellora dos accesos aos novos predios en ambas zonas e planifica a colocación e cambio dos marcos atendendo á resolución dos recursos presentados polos beneficiarios

A parcelaria de Troáns I, á que só lle resta o 25% da construción das pistas secundarias, ten en fase administrativa a resolución dos 38 recursos presentados, pero aínda así a toma de posesión provisional das fincas resultantes aos 749 propietarios xa se fixo a comezos de ano

O proceso de Troáns II está máis avanzado, xa que os 440 donos xa están a empregar as novas parcelas, e só está pendente da execución dos novos accesos e do amolloamento definitivo para a elaboración dos títulos de propiedade

“A Xunta está a acelerar estás dúas parcelarias do Concello de Cuntis, tras investir 3,3 M€, para agrupar e facer máis eficientes as súas máis de 500 hectáreas, que mesturan usos agrogandeiros e forestais”, explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López
 

Cuntis, 16 de setembro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a acometer na actualidade as derradeiras obras na rede de camiños secundarios das Zonas de Concentración Parcelaria (ZCP) Troáns I e Troáns II, no Concello de Cuntis, cun investimento de 486.000 euros e, a maiores, vai comezar en vindeiros días co acondicionamento dalgúns accesos aos novos prédios no caso de Troáns I.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destes avances tras unha reunión de traballo co xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e cos técnicos do servizo de Infraestruturas Agrarias, na que se analizou o estado actual e o cronograma de actuación deste dobre proceso que beneficia a 1.189 propietarios e reordena 497 hectáreas.

 

“A Xunta está a acelerar estas dúas parcelarias do Concello de Cuntis, tras investir 3,3 millóns de euros no seu desenvolvemento ao longo dos últimos anos, para agrupar e facer máis eficientes as súas case 500 hectáreas, que mesturan usos agrogandeiros e forestais, co obxectivo de axilizar ao máximo o seu remate”, explicou o representante autonómico.

 

Ademais das obras na rede de camiños secundarios, a Consellería do Medio Rural está a redactar un proxecto conxunto para ambas ZCP orientado á execución das obras de mellora dos accesos aos novos predios e, paralelamente, está a planificar a colocación e cambio dos marcos atendendo á resolución dos recursos presentados polos beneficiarios.

 

A concentración parcelaria de Troáns I, que reducirá as 5.283 parcelas cunha superfície de 351 hectáreas en só 1.312 predios de maior tamaño, está inmersa nas obras das pistas secundarias, que inclúen 5,8 novos quilómetros e ás que só lle resta aproximadamente o 25% dos traballos. Paralelamente, estanse a resolver os 38 recursos de alzada presentados contra o acordo, pero como non superan o 6% do total xá se procedeu, no pasado mes de febreiro, á toma de posesión provisional das fincas novas.

 

No que respecta ao proceso de Troáns II, que redistribuirá as 2.977 parcelas preexistentes cunha superfície de 146 hectáreas en só 717 fincas, xa ten rematada a rede secundaria de camiños e os seus beneficiarios xa gozan da posesión dos novos predios, polo que só ten pendente as obras de mellora de acceso aos predios, coa retirada dos cordóns de terra e construción de ramplas, e a colocación do novo amolloamento para poder realizar a elaboración dos títulos de propiedade.