O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento destas actuacións de conservación, nas que nos últimos 5 anos se levan investidos 95 M€

A Xunta investirá neste ano preto de 21 M€ no reforzo do firme das estradas autonómicas e xa traballa na programación e actuacións que executará no 2023

Francisco Menéndez concreta que están xa en execución obras por importe de 16 M€, e nos vindeiros días comezarán os traballos para materializar os 5 M€ restantes e completar todas as actuacións neste ano
 

Pon en valor o traballo da Xunta na conservación e explotación dos máis de 5.000 km da rede autonómica de estradas, ás que se destinaron 638 M€ desde o ano 2009

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

A Xunta investirá neste ano 20,94 M€ no reforzo do firme das estradas, que suman 95 M€ nos últimos 5 anos, e xa está traballando na programación e proxectos das actuacións que se executarán no ano 2023.

 

Así o manifestou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª do Parlamento, onde puxo en valor o compromiso da Xunta por manter no mellor estado posible as estradas de titularidade autonómica, “renovado e posto de manifesto con feitos ano a ano”, remarcou.

 

Segundo concretou Francisco Menéndez, a través do Plan de Reforzos de Firme da Xunta, tense iniciado a execución destas obras por importe de 16 M€ e nos vindeiros días darán comezo practicamente os traballos para executar as demais intervencións programadas, ás que se destinarán os 5 M€ restantes. O obxectivo é que a execución destes traballos se complete neste ano.

 

Citou o detalle das actuacións máis singulares en execución nas catro provincias, no marco destas actuacións de conservación extraordinaria da rede viaria da Xunta.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas puxo en valor o traballo da Xunta na conservación e explotación dos máis de 5.000 km da rede de estradas autonómicas, cunha programación estable. Neste sentido, destacou o investimento realizado pola administración autonómica, que desde o ano 2009 e ata este 2022 ascendeu a 638 M€.

Imaxes relacionadas