A Xunta pon en marcha o certame escolar “Idea o teu comercio” co obxectivo de impulsar a concienciación e a visibilidade deste sector entre os máis novos

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, presentaron hoxe no IES Otero Pedraio de Ourense este concurso creativo dirixido ao estudantado de segundo ciclo da ESO


Cada centro participante estará representado por un equipo de entre 4 a 8 alumnos, que deberán traballar nunha idea de comercio local baseado na sostibilidade, a innovación e a dixitalización


Un xurado profesional escollerá os nove proxectos gañadores, que recibirán unha pantalla táctil para a aula
 

Ourense, 16 de setembro de 2022 

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, presentaron este mediodía no IES Ramón Otero Pedraio de Ourense o novo certame escolar I-Comercio. Idea o teu comercio.

 

Tal e como sinalaron, trátase dun concurso creativo que busca achegar aos máis novos ao comercio de proximidade e traballar nunha idea pioneira e innovadora, que contribúa o desenvolvemento da súa contorna, ao tempo que se respecta o medio ambiente, cun obxectivo claro: concienciación e visibilidade do comercio local.

 

A iniciativa está dirixida ao alumnado de segundo ciclo da ESO (3º e 4º) de todos os IES públicos da Comunidade galega. Cada centro educativo deberá escoller un único proxecto que o represente. O alumnado participante, baixo a supervisión do seu titor ou titora, deberá traballar nunha idea de comercio local que cumpra cos seguintes piares: sostibilidade, innovación e dixitalización, en grupos de traballo de entre 4 e 8 integrantes. Os traballos poden desenvolverse nas diferentes categorías: alimentación e artigos de primeira necesidade; arte, cultura, entretemento, tecnoloxía e innovación; e téxtil e complementos, fogar, bricolaxe e xardín.

 

O prazo de inscrición dos traballos, que poderán presentarse en diferentes formatos, remata o vindeiro 21 de setembro, e os traballos deberán enviarse antes do 18 de novembro. Toda a información está dispoñible no enderezo web i-comercio.gal. Un xurado profesional, escollerá entre todos os participantes tres gañadores, por cada unha das categorías, entregándose un total de nove premios, que consisten nunha pantalla táctil para a aula.