A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou hoxe o acordo co alcalde, José María Lago

A Xunta colabora co concello da Gudiña na mellora do sistema de depuración do núcleo de Carracedo da Serra, que supón un investimento de 52.000 euros

A Xunta, a través de Augas de Galicia, achega apoio técnico para o desenvolvemento das obras e financia integramente os traballos, asumindo a entidade local a execución do novo sistema de depuración
 

Impúlsanse as obras necesarias para paliar as deficiencias e acabar cos episodios de malos olores que se producen no verán, e tamén atallando os vertidos que se rexistran en época de choivas
 

Ethel Vázquez subliña o compromiso e apoio da Xunta aos concellos máis pequenos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
 

Pon o acento na Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga impulsada pola Xunta e en vigor desde o 1 de setembro, para redobrar o acompañamento aos municipios na xestión dos servizos municipais da auga
 

Subliña que mediante esta lei se poñen á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os seus servizos municipais da auga e ofréceselles un sistema voluntario de adhesión para, quen así o desexe, poida encomendar a súa xestión á Xunta
 

A Gudiña (Ourense), 16 de setembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Gudiña, José María Lago, selaron hoxe o convenio polo que a Xunta colabora coa entidade local na mellora do sistema de depuración do núcleo de Carracedo da Serra, que supón un investimento de 52.000 euros.

 

Vázquez Mourelle destacou que a través deste acordo as administracións autonómica e local cooperan para atallar os problemas na depuración de augas residuais neste núcleo, co obxectivo de ofrecer mellores servizos da auga aos veciños e ter en perfectas condicións as redes municipais de saneamento, algo tamén esencial para garantir a calidade da auga do ríos e acuíferos, especialmente importante en épocas de seca como a que estamos a vivir, remarcou.

 

Segundo indicou a conselleira, desde a Xunta, a través de Augas de Galicia, apoiase e asesórase ao Concello na execución dos traballos, ademais de financiar integramente as obras de mellora do sistema de depuración, achegando os 52.000 euros necesarios.

 

Pola súa banda, o Concello é o encargado de levar a cabo estas obras de construción do novo sistema de depuración en Carracedo da Serra, que teñen un prazo de execución de 3 meses.

 

Ethel Vázquez explicou que agora mesmo o núcleo de Carracedo da Serra dispón, como sistema para depurar as augas, dunha fosa séptica prefabricada, con 2 módulos soterrados que está en mal estado, ademais dun colector de saída que verte as augas depuradas directamente ao terreo.

 

Apuntou que a través da colaboración selada hoxe impúlsanse as obras necesarias para paliar as deficiencias no sistema de depuración, acabando cos episodios de malos olores que se producen sobre todo no verán, e tamén atallando os vertidos que se rexistran, especialmente, en época de choivas.

 

Para achegar solucións a estes problemas, demoleranse as actuais instalacións e executarase un novo sistema para depurar as augas, con infiltración ao terreo. Precisou que o novo sistema de depuración disporá de arqueta con reixa de desbaste manual, desareador-desengraxador e unha fosa con filtros cun volume total de 31.500 litros. Para o depósito dos residuos procedentes do desbaste, colocarase, ademais un contedor de 800 litros de capacidade.

 

Colocaranse arredor de 13 metros de tubaxe, para conectar o sistema de depuración co sistema previsto para o vertido das augas depuradas por infiltración ao terreo. Ese sistema de infiltración ao terreo farase mediante 3 franxas filtrantes de 21 metros de lonxitude cada unha, para garantir a correcta depuración.

 

Ethel Vázquez puxo esta actuación de exemplo dos investimentos da Xunta para axudar aos concellos máis pequenos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración, ao igual que vén facendo con outros moitos municipios galegos, aínda que non sexan da conca de responsabilidade autonómica. A Gudiña pertence, na súa maioría, á conca de competencia estatal da Confederación Hidrográfica do Douro, aínda este núcleo en concreto pertence á Confederación do Miño-Sil.

 

A conselleira tamén se referiu á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, impulsada pola Xunta para redobrar o acompañamento e apoio aos municipios na xestión dos servizos municipais da auga, que entrou en vigor o 1 de setembro.

 

Lembrou as dificultades de xestionar os servizos da auga, especialmente nos concellos pequenos e rurais, con núcleos e poboación moi dispersa, o que supón un sobreesforzo e complica a prestación axeitada destes servizos.

 

Mediante esta lei, a Xunta pon á disposición de todos os municipios ferramentas para profesionalizar os seus servizos municipais da auga e ofrécelles un sistema voluntario de adhesión para, quen así o desexe, poida encomendar a xestión destes servizos á Xunta.

Imaxes relacionadas