A conselleira do Mar participou na presentación da campaña `O cerco, un xeito de vida’, promovida pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga)

Rosa Quintana enxalza a calidade e os beneficios nutricionais do peixe capturado pola frota galega de cerco

 A nova edición da campaña O cerco, un xeito de vida desenvólvese nas prazas de abastos ao considerar ás praceiras e praceiros como os mellores embaixadores para trasladar aos consumidores os beneficios de produtos pesqueiros de proximidade

 

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Produción e Comercialización 2021 de Acerga e conta con financiamento da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
 

A Coruña, 16 de setembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a calidade e os beneficios nutricionais do peixe capturado pola frota de cerco e o papel dos profesionais das prazas de abastos na prescrición do peixe de proximidade e na posta en valor do labor sostible deste sector. Así o expuxo na praza de Lugo da Coruña durante a presentación da campaña O cerco, un xeito de vida, promovida pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) e na que a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

A nova edición desta iniciativa desenvólvese nas prazas de abastos ao considerar ás praceiras e praceiros como os mellores embaixadores para trasladar aos consumidores os beneficios do peixe de proximidade. Nesta liña, a titular de Mar destacou que son bos coñecedores das necesidades e gustos dos seus clientes e das vantaxes de consumir produtos pesqueiros como os que captura a frota de cerco.

Beneficios, detallou, para a saúde polas súas propiedades nutritivas; para a economía local, posto que se trata dunha actividade que xera riqueza e emprego, e para o medio ambiente, xa que se desenvolve de forma sostible na costa do norte de España e Portugal en mareas dun día de duración. Ademais, a conselleira destacou o valor das prazas de abastos como espazos que venden peixe fresco e de proximidade como o xurelo, a anchoa, a xarda ou a sardiña, entre outros.

Do mesmo xeito que as edicións anteriores, a nova versión de O cerco, un xeito de vida, enmárcase no Plan de Produción e Comercialización 2021 de Acerga e conta con financiamento da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. En relación a esta organización de produtores pesqueiros, a titular de Mar fixo fincapé no seu compromiso coa sustentabilidade e co coidado dos recursos

‘O cerco, un xeito de vida’

Ao igual que se realizou hai uns días no Mercado do Progreso de Vigo, na presentación de hoxe da nova edición de O Cerco, un xeito de vida destacáronse os beneficios medioambientais e socioeconómicos da actividade desta frota con accións como un vídeo no que saen praceiras salientando a frescura do peixe de proximidade que capturan os cerqueiros.

Tamén se realizou unha degustación de receitas elaboradas polo cociñeiro Miguel Mosteiro, como ensalada de escalivada con lombos de sardiña, pastel de boga e ourizo e xurelo á grella con xudías verdes, cachelos e caldo das súas espiñas. Con estes pratos búscase animar aos consumidores a apostar por especies como o xurelo, a xarda e a boga.

Acerga foi recoñecida como Organización de Produtores Pesqueiros en 2018, conta con 117 asociados e na actualidade representa á gran maioría de buques galegos que empregan o cerco como arte de pesca.

Imaxes relacionadas