A Xunta sinala a aposta polo hidróxeno verde como clave para a transición enerxética

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou na apertura dunha xornada sobre hidróxeno renovable e almacenamento organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal)
 

Subliña que o hidróxeno ocupa un papel central na Axenda Enerxética de Galicia, xa que vai contribuír a diminuír a dependencia do exterior

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá mediante videoconferencia na apertura dun encontro sobre hidróxeno renovable e almacenamento organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Na súa intervención, o director xeral apuntou que, ao permitir o almacenamento da enerxía, o hidróxeno é un vector que xogará un papel fundamental no actual proceso de transición enerxética.

 

Neste sentido, subliñou que na Axenda Enerxética de Galicia o hidróxeno ocupa un lugar central, xa que vai contribuír a diminuír a dependencia enerxética do exterior. Nesta folla de ruta, coa que se camiña cara a un modelo sostible e un novo mix enerxético, impulsando tecnoloxías como os gases renovables, a eólica mariña, ademais do hidróxeno verde e o almacenamento enerxético, tamén se recolle a creación dun hub co obxectivo de aproveitar a oportunidade que supón o hidróxeno verde e alcanzar os 500MW instalados en 2030.

 

Fernández Vila, que lembrou que a Unión Europea estableceu como un dos piares do plan REPowerEU diversificar as subministracións de gas mediante, entre outras medidas, unha maior presenza de biometano e de hidróxeno, apuntou que a produción a través de renovables fai preciso desenvolver sistemas de acumulación de enerxía, permitindo o seu uso en función das necesidades da demanda, e é aí onde destaca o hidróxeno.

 

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais destacou tamén os mecanismos normativos que se están habilitando desde a Xunta de Galicia para favorecer os acordos de subministración de enerxía por parte de promotores de renovables da industria galega, garantindo por un lado un prezo competitivo da enerxía, e por outro, que esta sexa enerxía limpa.