A Xunta apoia a mellora das instalacións deportivas e da eficiencia enerxética no concello de Touro

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a localidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental, que suman unha achega de case 61.000 euros
 

Realizáronse obras de ampliación e reforma no pavillón polideportivo municipal e renovouse a carpintería exterior da Casa Consistorial

Touro (A Coruña), 16 de setembro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Touro para coñecer as actuacións desenvolvidas nesta localidade ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público e do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta. As obras realizadas supuxeron unha achega de case 61.000 euros para a mellora do pavillón municipal e da eficiencia enerxética na Casa do Concello.

 

Así, investíronse 31.400 euros na ampliación do ximnasio situado nos baixos do polideportivo e na reforma dos aseos a prol da súa accesibilidade. Tamén se modificou un dos vestiarios, o que permitiu dispoñer dunha zona de almacén, e se creou un despacho para o persoal encargado das actividades, entre outras actuacións.

 

Natalia Prieto salientou a importancia desta iniciativa para facilitarlle á veciñanza unhas instalacións deportivas nas mellores condicións e fomentar así tanto a práctica do exercicio físico como a dinamización da vida local. Segundo sinalou, un dos obxectivos desta liña de axudas é garantir o equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita “tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unha óptima calidade de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia”.

 

Neste ano, o orzamento previsto para as actuacións enmarcadas na Orde de infraestruturas no conxunto de Galicia ascende a 3,5 millóns de euros. Deste total, 316.000 corresponden a proxectos da área de Santiago, que beneficiarán os concellos de Arzúa con Melide, Rois con Dodro, Boimorto con Vilasantar, Boimorto, Ordes, Oroso, Vedra, Frades e Trazo. Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.

 

Mellora da eficiencia enerxética

Por outra banda, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, en Touro destináronse preto de 29.400 euros ao cambio da carpintería exterior en todos os despachos da Casa do Concello. A achega permitiu a instalación de carpintería oscilobatente de aluminio, así como á inspección e reparación de humidades, para mellorar as condicións de traballo do persoal municipal e a prestación do servizo á cidadanía.

 

A maiores da obra visitada, a directora xeral apuntou que neste mesmo marco de acción a Xunta lle outorgou ao Concello 2.000 euros para a subministración de contedores para a recollida selectiva de residuos.

 

Natalia Prieto subliñou que o FCA ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos, aos que destina este ano 11,3 millóns de euros. Entre as accións subvencionables do fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais, como é o caso de Touro, e a utilización de enerxías renovables. Con estas axudas, a Xunta tamén apoia un ano máis aos concellos na conservación da biodiversidade e a protección do medio ambiente e do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética.

 

A responsable de Administración Local destacou a aposta do concello de Touro pola realización de melloras tanto no eido das infraestruturas como da protección do medio, que representaron nos últimos anos unha achega de 520.850 euros por parte do Goberno galego.

Imaxes relacionadas