O DOG publica tamén hoxe a aprobación da información pública desta actuación de mellora da seguridade dos peregrinos e veciños que circulan por este treito da vía, que suporá un investimento autonómico duns 185.000 €

A Xunta aproba o proxecto de construción dunha senda peonil nun treito da estrada LU-530 coincidente co Camiño de Santiago Primitivo no concello de Lugo

Actuarase na marxe esquerda desta estrada autonómica, no treito comprendido entre os puntos 6+800 e 8+100, para acadar a separación física do tráfico de vehículos do tráfico peonil

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé executar este novo itinerario neste ano, unha vez que obteña a titularidade dos terreos

Construirase un itinerario de 1,3 km de lonxitude na LU-530, que discorrerá pola parte exterior da plataforma da vía autonómica evitando a convivencia de vehículos, peregrinos e veciños pola estrada, manténdose unicamente a senda anexa á estrada entre os puntos 6+800 a 6+900

A Xunta segue traballando na integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sostibles ambiental e economicamente

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia  (DOG) o proxecto de construción dunha senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada autonómica LU-530, no concello de Lugo.

A actuación nesta vía que comunica Lugo e A Fonsagrada céntrase no treito comprendido entre os puntos quilométricos 6+800 e 8+100 e suporá un investimento da Xunta que rolda os 185.000 euros. As obras prevén executarse neste ano, unha vez que se poida obter a titularidade dos terreos.

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://acortar.link/bEaHqm .

Coa implantación da senda peonil, a Xunta persegue, como obxectivo principal, aumentar a seguridade dos peregrinos e veciños que circulan por este treito da LU-530, mediante a separación física do tráfico de vehículos do tráfico peonil.

Na actualidade a estrada carece dunha superficie específica para o tránsito dos peóns, polo que estes deben circular pola beiravía existente na marxe dereita da estrada. Esta necesidade de empregar a beiravía implica o cruce da estrada en dúas ocasións, nun treito de pouca visibilidade para o que se reforzou a sinalización para mellorar a seguridade viaria.

A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta comprende actuacións no tramo da marxe esquerda desta vía autonómica de 1,3 km de lonxitude, na que se proxecta a execución dunha senda peonil que discorrerá pola parte exterior da plataforma da vía autonómica, evitando a convivencia de vehículos e peregrinos ou veciños pola estrada. Unicamente entre os puntos quilométricos 6+800 a 6+900 a senda discorrerá anexa á estrada.

O trazado da senda proxéctase por fóra da plataforma da estrada LU-530, agás naquel treito no que non é posible e a senda deberá discorrer paralela á estrada pola cuneta actual.

O espazo reservado para a senda terá un ancho mínimo total de 4 metros, distribuídos da seguinte maneira: 1 metro de marxe dende o borde da plataforma existente, 2 metros de senda e 1 metro de marxe exterior. Esta sección verase modificada no treito de cuneta e na pasarela pilotada de madeira que será precisa para salvar o río Carballido.

O trazado do itinerario tamén se adaptará ao terreo polo discorre e non á traza da estrada autonómica, levando a cabo pequenos desmontes ou terrapléns precisos para adaptala ás limitacións en materia de accesibilidade.

Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta segue traballando na integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sostibles ambiental e economicamente.