Diego calvo reivindica o sector forestal galego como “fonte de creación de riqueza e emprego”

O vicepresidente segundo participou en Ortigueira na inauguración da xornada ‘Produtos derivados da celulosa’ organizada pola Asociación de Silvicultores Costa Norte
 

Na súa intervención incidiu na aposta da Xunta pola xestión sustentable e o aproveitamento do monte, a través de distintas medidas e ferramentas
 

Ortigueira (A Coruña), 16 de setembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na xornada organizada pola Asociación de Silvicultores Costa Norte baixo o título Produtos derivados da celulosa, onde reivindicou o sector forestal galego como “fonte de creación de riqueza e emprego”.

 

Na súa intervención, o vicepresidente segundo incidiu na aposta da Xunta pola xestión sustentable e o aproveitamento do monte, con iniciativas como a Axenda de impulso da industria forestal. “Con ela buscamos potenciar a modernización e a competitividade a través dos eixes da formación, da innovación, da cooperación e valorización, e da competitividade o desenvolvemento e a diversificación do sector”, engadiu.

 

Calvo sinalou tamén á estratexia pioneira de Dixitalización e Descarbonización, que contribúe a acelerar os procesos produtivos, incidir na simplificación administrativa, afondar no consumo dun material renovable cunha pegada de carbono negativa, e acadar políticas de quilómetro cero.

 

Para o vicepresidente segundo, a aposta da Xunta polo eido forestal demóstrase a maiores na inclusión dunha iniciativa que permitiría aproveitar o liderado galego no sector entre os grandes proxectos presentados aos fondos Next Generation. Trátase da que sería a primeira planta de fibras téxtiles de España, da man da empresa Altri. Nesta liña, manifestou a preocupación do Goberno galego pola falta de resposta do Goberno central a uns proxectos fundamentais para a recuperación económica.

 

Relevancia estratéxica para Galicia

Por outra banda, Diego Calvo referiuse aos datos que avalan a relevancia estratéxica do monte para a economía e o emprego de Galicia, como que preto do 70% do territorio ten a consideración de forestal e que un 50% da madeira que se corta en España procede de montes galegos. Apuntou tamén que ata 80.000 familias viven de xeito directo ou indirecto do monte e que preto do 12% dos empregos industriais están vinculados ao sector, que representa case o 2% do Produto Interior Bruto.

 

Ante esta realidade, o vicepresidente segundo insistiu en que desde a Xunta se segue traballando co obxectivo de “garantir as oportunidades que representa o eido forestal para o futuro de Galicia”, con ferramentas como o Inventario forestal continuo ou a Lei de recuperación da terra agraria, entre outras.

 

Imaxes relacionadas