A Xunta salienta o labor dos economistas na planificación e deseño de estratexias fronte ao contexto socioeconómico actual

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron na celebración do patrón deste colectivo profesional nun acto organizado polo Colexio de Economistas da Coruña


Diego Calvo incidiu na necesidade de ofrecerlle á cidadanía transparencia, coherencia e solucións reais, con iniciativas como o Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030


Referiuse tamén á oportunidade que representan os fondos Next Generation, para os que demandou unha cogobernanza efectiva
 

A Coruña, 15 de setembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salientou a importancia do labor dos economistas na planificación e deseño de estratexias fronte aos retos do contexto socioeconómico actual. Fíxoo con motivo da celebración do patrón deste colectivo profesional, nun acto organizado polo Colexio de Economistas da Coruña e que contou tamén coa presenza do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, así como do director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

 

Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na urxencia de ofrecerlle á cidadanía transparencia, coherencia e “sobre todo solucións efectivas que dean resposta real ás necesidades das persoas e das empresas”. Para isto é fundamental “a colaboración dos economistas coas administracións públicas”, apuntou, como xa acontece coa Xunta e o Consello Galego de Colexios de Economistas e eidos como o da xustiza. Nesta liña, referiuse á colaboración na prestación de asistencia pericial e tamén nos encontros de profesionais do Dereito Concursal e Societario.

 

Por outra banda, o vicepresidente segundo sinalou a aposta da Xunta por desenvolver unha estratexia a longo prazo que defina actuacións, metas e horizontes, como o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2023. Falou tamén da oportunidade que representan os fondos Next Generation, para os que demandou “unha cogobernanza efectiva e un merecido recoñecemento en forma de fondos” ao traballo feito polo tecido produtivo galego para a presentación de proxectos estratéxicos para a comunidade.

Imaxes relacionadas