O presidente da Xunta interveu na entrega do III Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía

Rueda destaca o compromiso da Xunta na mellora dos servizos de cardioloxía e a renovación de salas de hemodinámica nos hospitais públicos galegos

Subliña o investimento de case 6 millóns de euros na nova sala de hemodinámica do Montecelo de Pontevedra, e na renovación doutras seis nas áreas sanitarias de A Coruña e Cee, Vigo; Santiago de Compostela e Barbanza e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
 

Agradece a contribución dos profesionais que fan que os hospitais galegos estean na cabeza en transplantes de corazón

Santiago de Compostela,  15 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da Xunta na mellora dos servizos de Cardioloxía e a renovación das salas de hemodinámica nos hospitais da sanidade pública galega, co obxectivo de mellorar os tempos de atención tras un accidente cardiovascular e reforzar a asistencia que reciben os pacientes.

 

Rueda destacou, como proba desa aposta, o investimento de case 6 millóns de euros nunha nova sala de hemodinámica no hospital Montecelo de Pontevedra e na renovación doutras seis: dúas na área sanitaria de A Coruña e Cee, dúas na de Vigo, outra para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e tamén unha na área de Santiago de Compostela e Barbanza. De feito, esta mesma semana o Goberno galego licitou as obras para a creación da nova área de Cardioloxía Intervencionista e Hemodinámica no hospital de Ourense, por 2,7 millóns de euros.

 

Na súa intervención na entrega do III Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía, concedido ao doutor Moisés Rodríguez Mañero e ao seu equipo, o titular do Goberno galego salientou os esforzos levados a cabo pola Xunta nesta especialidade, tendo en conta que as enfermidades coronarias son a primeira causa de morte no mundo. Así, lembrou que Galicia foi pioneira en 2005 en poñer en marcha o Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio; a posta en marcha, en 2015, do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio, así como a ampliación e actualización das salas de hemodinámica do Sergas: despois de poñer en marcha as unidades de Lugo, Ferrol e Pontevedra, na actualidade existen seis salas deste tipo en toda Galicia.

 

Como recoñecemento á sanidade pública, Rueda tamén tivo palabras de agradecemento aos profesionais que fan que os hospitais da Comunidade estean na cabeza en transplantes de corazón de toda España, ou que servizos de Cardioloxía como o do CHUS estean entre os mellor valorados do país nos premios Best in Class.

 

O traballo da Xunta na mellora da sanidade, engadiu o presidente, tamén se estendeu á construción ou renovación dun centenar de centros de saúde desde 2009, á construción e renovación do 100% dos hospitais –como os 70 millóns que se destinarán a ampliación do CHUS—, a incorporación de máis de 200 profesionais sanitarios a prazas de difícil cobertura, ou a consecución do calendario de vacinación infantil máis completo de España, logo da súa ampliación con tres novas vacinas neste outono.

 

Por último, Rueda aplaudiu a iniciativa de Ramón Carregal e o doutor José Ramón González Juanatey, impulsores do galardón; e agradeceu aos premiados deste ano, encabezados polo doutor Mañero, a súa dedicación e o seu afán por compartir o coñecemento co resto da profesión. “Vós, os cardiólogos, sodes o corazón de sanidade pública galega”, sentenciou.

Imaxes relacionadas