A Xunta pon en valor a mediación intraxudicial como resolución alternativa de conflitos xudiciais coa que reducir a carga de traballo dos órganos xudiciais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, destacou hoxe no “VII Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito” o compromiso do Goberno galego con este sistema cun investimento de máis de 2M€ nos últimos anos


O Goberno galego colaborou na implantación do servizo de mediación intraxudicial nas sete cidades galegas e tamén apoia o impulso no ámbito penal e mercantil
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou esta tarde no VII Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito, onde puxo en valor o compromiso da Xunta por consolidar a mediación intraxudicial como sistema alternativo e complementario á resolución de conflitos xudiciais.

O director xeral de Xustiza incidiu en que Goberno galego aposta desde 2009 por facilitar á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias á marxe da vía xudicial por tratarse dunha opción idónea “naqueles casos nos que a xudicializar o conflito non está xustificado nin permite ás partes acadar unha solución satisfactoria”. Sinalou que se trata dunha modalidade menos traumática, máis áxil e que, ao mesmo tempo, contribúe á redución da carga de traballo na Administración de Xustiza.

Por iso, destacou a importancia de que os profesionais da Administración de Xustiza -membros da carreira xudicial, fiscal, letrados, avogados, procuradores- e as universidades tamén adquiran o seu compromiso e se impliquen coa posta en marcha da mediación.

José Tronchoni lembrou que a Xunta leva investidos 2 millóns de euros no fomento da mediación desde a sinatura en 2009 do primeiro convenio de mediación xudicial no ámbito de familia no partido xudicial de Santiago, implantándose de forma progresiva nas demais cidades galegas. Neste ano, o Goberno galego colabora neste ámbito co Consello da Avogacía de Galicia cunha contía de 180.000 euros.

Na súa intervención, tamén engadiu que a Administración autonómica mantén desde 2015 unha colaboración continuada co Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para o impulso da mediación.

A maiores, desde 2016 permanece vixente un programa experimental de mediación no ámbito penal posto en marcha pola Xunta co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago. Do mesmo xeito, desde 2017 mantense outro convenio de colaboración co mesmo obxectivo co Colexio de Avogados da Coruña.  

Por outra parte, desde 2013 a Xunta colabora co Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en protocolos en materia de mediación e civil e mercantil co obxectivo de fomentar esta modalidade como vía de resolución de conflitos no eido empresarial que correspondan a estas dúas xurisdicións. Ao igual que xunto co Consello Galego dos Procuradores e dos Tribunais apoia os servizos de mediación xudicial en materia civil e mercantil por parte de persoal cualificado dos colexios de procuradores da comunidade.