A Policía Autonómica esclarece en colaboración con axentes ambientais un incendio forestal no Concello coruñés do Pino

O lume produciuse por varias cabichas que, debido ás condicións climatolóxicas, provocaron que as lapas se propagasen á masa forestal


No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 46 persoas como presuntas autoras de incendios forestais
 

S

antiago de Compostela, 15 de setembro de 2022 Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, en colaboración con axentes ambientais do Distrito Forestal III Santiago-Ordes, veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 3 de setembro no concello coruñés do Pino. O lume produciuse no lugar do Amenal e afectou 7.000 metros cadrados de superficie rasa e arborada.

 

Os axentes da Policía Autonómica constataron durante a súa investigación que había varias cabichas na zona, polo que centraron as súas pescudas en descubrir se alguén estivera fumando na zona. A persoa investigada recoñeceu que fumara no punto de inicio do lume momentos antes de que comezara a arder e recoñeceu que tirara as cabichas sen apagar ao chan sobre a herba seca da finca.

 

Dado que o incendio se produciu nun momento de perigo extremo de incendio forestal xunto coa aridez extrema e os refachos de vento déronse as condicións suficientes para que o calor da cabicha en contacto co combustible vexetal fino e seco iniciase a combustión na finca e que posteriormente as lapas se propagaran á masa forestal.

 

As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Arzúa.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 46 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

 

A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.