A exposición ‘Bebedeira de ensoños’, producida pola Xunta en homenaxe a Delgado Gurriarán, chega ao Museo do Pobo Galego en Santiago

Santiago de Compostela, 15 de setembro 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe no Museo do Pobo Galego na inauguración da exposición conmemorativa das Letras Galegas 2022 Bebedeira de ensoños, adicada a Florencio Delgado Gurriarán e producida pola Xunta xunto á Editorial Galaxia.

 

Durante o acto de presentación, Valentín García agradeceu o resultado “desta mostra antolóxica que reflicte a súa vida e obra dun xeito moi fidedigno, así como o seu percorrido literario xunto a textos e imaxes propias que ilustran dun xeito brillante a este ilustre galego”.

 

Neste encontro tamén tomaron a palabraRicardo Gurriarán, comisario e representante da Familia de Florencio Delgado Gurriarán, Xesús Domínguez, director de produción da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.

 

Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Todos eles repasan a súa traxectoria vital e biográfica nunha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Delgado Gurriarán.

 

Obxectos persoais

A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.

 

A mostra comezou a súa itinerancia en maio no Barco de Valdeorras, preto da aldea natal de Florencio (Córgomo en Vilamartín), para logo pasar por Ourense e afincarse agora no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela ata o 30 de setembro.