Rueda salienta que os bonos activa comercio da Xunta mobilizarán máis de 17 M€ e impulsarán as compras nos establecementos de proximidade

Enmarca a iniciativa, á que se destinarán 5 millóns de euros, dentro da aposta da Xunta por dinamizar o comercio tras a pandemia e a suba dos prezos

As persoas consumidoras disporán dun bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos

Con esta iniciativa, de cuxa primeira convocatoria se beneficiaron máis de 230.000 clientes, búscase incrementar o fortalecemento deste sector
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a segunda edición dos bonos Activa Comercio, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e reactivar o sector comercial, permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras e fomentar, deste xeito, o consumo no comercio de proximidade.

 

Mediante este programa impulsado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e que se porá en marcha nas próximas semanas tras ser abordado no Consello da Xunta, os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos. Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta “por reactivar e dinamizar ao pequeno comercio, marcado primeiro pola pandemia” agora polo contexto económico de suba de prezos, explicou Rueda.

 

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. O período de validez dos bonos estenderase ata o 15 de decembro, salvo esgotamento previo do seu saldo.

 

Con esta iniciativa, de cuxa primeira edición se beneficiaron máis de 230.000 clientes, búscase continuar estimulando as vendas, sobre todo no pequeno comercio, e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, contribuíndo a paliar o impacto da actual situación económica.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás distintas liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

Imaxes relacionadas