A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal na Peroxa destinado a uso gandeiro no marco da Lei de Recuperación da Terra

Inés Santé e o rexedor acordaron avaliar proximamente a superficie susceptible de incorporarse nesta figura de posta en valor


A directora xeral aproveitou para lembrar que está aberta a convocatoria que con-signa preto de 1 millón de euros en subvencións para a execución de proxectos de cooperación no marco da medida Leader
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avanzou que se está estudando a implantación dun novo polígono agroforestal na Peroxa, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Foi na reunión que mantivo co alcalde desta localidade ourensá, Manuel Seoane, que tamén é presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense (GDR 11-Adercou). Segundo trataron na xuntanza, esta nova figura prevé destinarse a uso gandeiro nunha superficie pendente de determinar.

 

O encontro tamén serviu para abordar diversos proxectos que está a coordinar este grupo de desenvolvemento rural no marco da medida Leader. En concreto, a creación de servizos turísticos da Ribeira Sacra que reúnan novas tecnoloxías, paisaxe e respecto á natureza cunha achega xestionada pola Xunta de case 80.000 euros; a construción dun invernadoiro como punto de venda de plantas de interior en Esgos, cunha subvención de máis de 14.000 euros; e o acondicionamento e mellora do local social de Toubes, na Peroxa, cunha axuda pública de máis de 8.000 euros.  

 

A maiores, a directora xeral quixo aproveitar para lembrar que continúa aberta a convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que contempla preto de 1 millón de euros en subvencións para a execución de proxectos de cooperación no marco da medida Leader. Nese senso, Inés Santé destacou que a cooperación constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento das zonas rurais, xa que propicia a mellora das relacións entre territorios e facilita a transferencia de experiencias e coñecementos.  

 

A directora xeral sinalou que na nova convocatoria se incorporou a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación vinculados aos instrumentos da Lei de recuperación da terra, tanto aos orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo-, como aos destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como é o caso dos plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

 

Cabe engadir que na nova convocatoria se incrementa o importe máximo subvencionable dos proxectos, que pasa dos 100.000 euros ata os 150.000 euros por proxecto. Así mesmo, inclúese a posibilidade de conceder aos grupos de desenvolvemento rural anticipos de ata o 50% da subvención concedida e regúlase a exención da obriga dos beneficiarios de achegar garantías polos pagamentos a conta que perciban.

 

Imaxes relacionadas