A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, selou o acordo coa alcaldesa, María Teresa Barge

A Xunta e o Concello da Bola asinan o convenio para a mellora das infraestruturas de depuración municipais

A Xunta asume o financiamento da actuación, achegando preto de 48.000 €, e o Concello comprométese a executar as obras e ao mantemento das instalacións
 

Mellorarase o sistema de depuración nos núcleos do Prado, Alvarín e Soutomel, garantindo a calidade das augas residuais, necesaria para a bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas
 

A Xunta continúa co apoio técnico e financeiro aos concellos para axudalos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Ourense, 15 de setembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa da Bola, María Teresa Barge, asinaron un convenio para a execución das obras de mellora das infraestruturas de depuración municipais. No acto de sinatura tamén participou o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

Segundo establece o convenio asinado, a Xunta achegará integramente o investimento necesario para as actuacións, que rolda os 48.000 €. Ademais, asesorará tecnicamente ao municipio na execución das obras. Pola súa banda, o Concello da Bola comprométese a executar a actuación e a asumir o mantemento das novas infraestruturas hidráulicas.

 

Na actualidade, neste municipio ourensá, os núcleos do Prado, Alvarín e Soutomel contan cun sistema de depuración cun funcionamento deficiente composto por un decantador dixestor como tratamento primario e un filtro biolóxico ou leito bacteriano como tratamento biolóxico, con vertedura directa ao terreo.

 

As actuacións obxecto da colaboración asinada entre a Xunta e o Concello da Bola permitirán mellorar esas infraestruturas de depuración, de xeito que permitan garantir a calidade das augas e dos ecosistemas asociados.

 

Para iso a intervención recolle, entre outros traballos, a limpeza do perímetro da instalación de depuración actual, do decantador dixestor e do filtro biolóxico ou leito bacteriano; ademais da implantación dun sistema rotativo estático sobre o leito filtrante; novas chemineas de ventilación; novas arquetas de mostras para a inspección; e a implantación dun sistema de vertedura indirecta ao terreo, mediante gabia de infiltración. O prazo de execución das obras estímase en 3 meses.

 

O  departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.

Imaxes relacionadas